Actualidade

Un traballo sobre a monitorización da calidade ambiental, premio ao mellor TFG da Facultade de Informática

19/04/2023

 

A Cátedra ALDABA-WIB colaborou un ano máis na Feira de Prácticas e de Emprego que organiza a Facultade de Informática da UDC, un evento destinado ao alumnado que o próximo curso académico realizarán prácticas curriculares en empresas.


No transcurso da Feira presentáronse os tres traballos finalistas ao Oitavo Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado da FIC e deuse a coñecer o gañador, que foi Pablo Mariño Boga polo seu TFG “Desarrollo de un dispositivo para la monitorización de marcadores de calidad ambiental”.. O dispositivo permite múltiples aplicacións como o control da temperatura e da humidade dos espazos, así como da iluminación e da calidade do aire, ou incluso a detección de incendios e a exposición ao ruído, entre outras.


As cátedras ALDABA-WIB, CICAS (Sngular-CoruNet), e NTTData patrocinan este galardón anual que conta coa colaboración do Centro de Investigación en TIC (CITIC) e da Fundación Universidade da Coruña. Está dotado con 1.500 euros para o gañador e dous accésits de 500 euros para os outros dous traballos finalistas.


Na presente edición, as empresas que apoian as cátedras seleccionaron os tres mellores proxectos entre os quince presentados, todos eles TFG con Matrícula de Honra no curso 2021/22. Os accésits foron para os traballos “Sistema de posicionamiento de teléfonos Android a través de las propiedades físicas del sonido”, de Rubén Somoza Domínguez, e “Sistema de validación de títulos académicos basado en tecnologías Blockchain”, de Gabriel Fernández Blanco.

 


Vinte e catro empresas participan na Feira de Prácticas e de Emprego

 

Durante os días 19 e 29 de abril, as 24 empresas adheridas ao programa de prácticas da Facultade de Informática contan con postos informativos nos que orientan ao alumnado. Así mesmo, as cátedras vinculadas á Facultade celebran conferencias sobre algunhas das últimas tendencias e liñas de traballo no sector TIC, mentres que o Servizo de Emprego da UDC orienta sobre como elaborar un curriculum e preparar unha entrevista de traballo. 


Dentro desta programación, a Cátedra ALDABA-WIB ofreceu a charla “Como integran aplicacións as empresas intelixentes (API Management API Orchestration)”, impartida por Luís M. Rodríguez, de ALDABA, e Virginia Mato, directora da cátedra.