Actualidade

A Cátedra HR-UDC patrocina na sua categoría de Sostenibilidade os IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo da UDC

12/06/2025

 

A Aula Magna da Facultade e Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolleu o 12 de xuño o acto de entrega dos IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo da Universidade da Coruña, convocados pola Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación e a Vicerreitoría de Planificación Académica e Innovación Docente, co obxectivo de recoñecer e impulsar a calidade das iniciativas de innovación docente que empreguen a metodoloxía de aprendizaxe e servizo dento do marco curricular da UDC.

 

Ao acto asistiron o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle; pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; e máis pola concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, ao que se sumaron, para a entrega dos galardóns, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a directora da Cátedra Empresa Familiar, Berta Rivera; e o director da Cátedra Hijos de Rivera-UDC, José Benito Pérez.

 

Os premios conlevan unha dotación económica total de 3.000 euros, a repartir entre un primeiro premio de 600 euros e un segundo de 400 euros para cada unha das tres categorías: Sustentabilidade e concienciación medioambiental (patrocinados pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible), Sensibilización e Educación para a Cidadanía Global, e en materia de redución das Desigualdades (patrocinado pola Cátedra de Empresa Familiar). 

 

Recibiron o premio, na liña temática de Sustentabilidade e concienciación medioambiental, José Antonio Cortés, Elvira Santiago e Carlos Diz, da Facultade de Socioloxía, gañadores do primeiro premio co proxecto:“O Monte Cambeiro: Un parlamento de Cousas”, e  Vicente Castro e Rocío Chao, da Facultade de Ciencias da Educación,  gañadores do segundo premio co proxecto: “Instalación sonora viaxe especial, unha experiencia creativo-sensorial con nenos e nenas de Educación Infantil”

 

Aprendizaxe-servizo
A aprendizaxe-servizo (ApS) é unha proposta educativa que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto, co que os participantes aprenden a traballar en necesidades reais da contorna coa finalidade de mellorala. O obxectivo é integrar o servizo á comunidade coa aprendizaxe de contidos e a adquisición de competencias a partires da práctica reflexiva, de xeito que se una o compromiso social coa adquisición de coñecementos, habilidades, actitudes e valores. É dicir, é un método que permite aprender a ser competentes sendo útiles aos demais.

 

Para que unha proposta educativa sexa considerada ApS na UDC debe cumprir ademais os seguintes requisitos: estar integrada no currículum académico dunha ou varias materias (Traballo de Fin de Grao ou de Máster, Prácticum ou outras) e ser empregada como estratexia educativa para acadar competencias ou obxectivos de aprendizaxe do marco curricular no que se integra.

 

Os IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe-Servizo están financiados pola Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, a Vicerreitoría de Planificación e Innovación Docente, a Cátedra Hijos de Rivera-UDC e a Cátedra de Empresa Familiar.

 

Máis información en el siguiente enlace (pica aquí) 

 

Foto 1: o profesorado da Universidade da Coruña galardoado nos IV Premios a Proxectos de Innovación Docente en Aprendizaxe e Servizo xunto coas autoridades asistentes ao acto.