Hoxe comezou a primeira quenda do campus tecnolóxico para nenas e nenos organizado pola Cátedra ALDABA-WIB da Universidade da Coruña na Facultade de Informática da Universidade da Coruña e de forma simultánea na Escola Superior de Enxeñaría de Informática en Ourense. Dado o interese suscitado, desde a cátedra incrementáronse sustancialmente o numero de prazas por quenda, pasando das 30 inicialmente previstas a 52 en Coruña, das que o 70% foron adxudicadas a nenas, dando resposta así a un dos principais compromisos da Cátedra ALDABA-WIB, que é reducir a fenda de xénero nas titulacións tecnolóxicas.
A iniciativa ten como obxectivo fomentar as vocacións tecnolóxicas desde idades temperás, especialmente entre as nenas, ao tempo que promove habilidades propias do ámbito TIC nun contorno lúdico e inclusivo.
Baixo o lema “Salvar a Terra”, a rapazada participante aprenderá xogando sobre intelixencia artificial, programación de robots, domótica ou adestramento con drons, entre outras actividades, a través dunha misión de protección medioambiental. Así, cun enfoque totalmente práctico, o campus fomenta a creatividade, o pensamento crítico e o compromiso coa sustentabilidade. Entre as dúas quendas previstas participarán máis de 100 menores.
O campamento terá lugar na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, con dúas quendas: do 23 ao 27 de xuño de 2025 (agás o 24 de xuño, por ser festivo) e do 30 de xuño ao 4 de xullo e de forma simultánea en Ourense, na Escola Superior de Enxeñaría de Informática, do 23 ao 27 de xuño de 2025.
A través de obradoiros adaptados ás súas idades, descubrirán como a tecnoloxía pode ser unha aliada para protexer o planeta. Así aprenderán a programar drons para reforestar, construirán robots recicladores e deseñarán estacións meteorolóxicas intelixentes, todo mentres desenvolven competencias clave en programación, robótica e ciencia. Os asistentes traballarán con ferramentas innovadoras como robótica con LEGO, Arduino, Drones, Micro:Bit, Edison, CoSpaces ou Deseño e impresión 3D.
Segundo datos do Barómetro da Fenda de Xénero nos estudos TIC (BBG-TIC), ferramenta en liña gratuíta impulsada pola Cátedra, só o 16 % do alumnado do Grao en Enxeñaría Informática na Coruña e Ourense son mulleres. A situación mellora lixeiramente en titulacións máis recentes, como o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos e o Grao en Intelixencia Artificial, mais segue afastada dos niveis desexables para unha representación equilibrada. Mudar estes datos é un dos obxectivos da Cátedra, de xeito que se acade unha maior presenza feminina nas carreiras TIC.