A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa convocou a terceira edición do premio ao mellor Traballo Fin de Máster con temática relacionada con criterios ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) e propósito corporativo, á que se presentaron un total de 24 traballos defendidos por estudantes das tres universidades galegas nos anos 2023 e 2024 que obtiveron unha cualificación de sobresaliente.
Os traballos presentados abarcan aspectos como a integración de estándares ASG para empresas, avances no coñecemento das teleconexións atmosféricas e os seus impactos hidrolóxicos e no cambio climático, deseño e implementación de estratexias de marketing, novos materiais para sistemas de refrixeración e calefacción sostibles, avances no deseño de vehículos agrícolas, entre outros.
Os traballos presentados serán validados polo xurado durante os meses de xaneiro a marzo de 2025, que fará público o fallo durante o primeiro cuadrimestre do ano. Nesta edición entregaranse dous premios: un primeiro dotado con 1.500 euros e un segundo con 500 euros.
O número de traballos presentados nesta edición continúa coa liña da I e da II edición dos premios, onde se presentaron 26 e 23 traballos, respectivamente, que se considera un indicador positivo para estes premios, que segundo destaca a directora da Cátedra, Carmen Costa, “teñen un obxectivo dobre. En primeiro lugar, e de forma inmediata, animar ao alumnado que se atopa nunha etapa formativa de mestrado en Galicia a realizar traballos que teñan presentes os criterios ambientais, sociais e de goberno corporativo como eixos fundamentais. E, en segundo lugar, e de forma complementaria, axudar a sensibilizar ás empresas e as organizacións en materia de responsabilidade, compromiso social e desenvolvemento sostible”.
Avaliación das candidaturas
O xurado estará composto por membros da Comisión de seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, pola directora da Cátedra, Carmen Costa, e por tres expertos das outras universidades galegas e do ámbito da consultoría.
Os criterios do xurado para a avaliación dos TFM atenderán á orixinalidade e relevancia do traballo; a calidade da identificación da situación partida, argumentación/desenvolvemento e conclusións obtidas; redacción e presentación do documento, estrutura dos contidos, claridade na exposición; e publicacións e comunicacións a congresos que puideran xurdir directamente relacionadas co traballo.