Actualidade

A cátedra de Internacionalización ‘Luis Fernández Somoza’ organiza a conferencia inaugural do curso 2024/25 na Facultade de Economía e Empresa da UDC, impartida por D. Óscar García Maceiras, CEO de Inditex

11/10/2024

 

O venres 11 de outubro de 2024,  a Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña inaugurou oficialmente o seu curso académico 2024/25 coa conferencia impartida por un invitado de recoñecido prestixio: Óscar García Maceiras, CEO de INDITEX. Como ven sendo habitual, este acto foi organizado pola cátedra de Internacionalización ‘Luis Fernández Somoza’.

 

Óscar García Maceiras é licenciado en Dereito pola UDC e doutor en Dereito pola Universidade CEU San Pablo. Avogado do Estado, exerceu na Coruña entre 2001 e 2005, ano no que se incorporou ao Banco Pastor, primeiro como director da Asesoría Xurídica e despois como secretario xeral do Consello. En 2012 foi nomeado director xeral de Desenvolvemento Corporativo e Asuntos Legais na SAREB, ademáis de secretario xeral e do Consello. En 2016 únese ao Banco Santander como director da Asesoría Xurídica e vicesecretario do Consello. En marzo de 2021 incorpórase a INDITEX como secretario xeral e do Consello, asumindo ese mesmo ano o cargo de conselleiro delegado.

 

O acto foi presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, que estivo acompañado na mesa presidencial, ademais de polo conferenciante, pola decana da Facultade, Carmen Lema, e polo director da Cátedra de Internacionalización Luis Fernández Somoza, Manuel Gómez, que presentou ao conferenciante.

 

Nun Salón de Actos ateigado de público, García Maceiras realizou unha exposición maxistral sobre INDITEX, o seu modelo de negocio e estratexia. A continuación, moderado polo director da cátedra, tivo lugar un coloquio coas persoas asistentes que puideron formular as súas preguntas ao conferenciante e coñecelo nun contexto máis próximo.