Actualidade

A directora Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián, participou nun encontro promovido pola Cátedra Vegalsa-Eroski UDC

23/02/2024

 

A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa promoveu este xoves 22 de febreiro o encontro “O cinema dende o compromiso”, no que participou a directora Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián pola película de produción galega O Corno. Esta acción enmárcase no obxectivo da Cátedra de promover unha comunicación con conciencia, responsable e con valores que axude á creación dunha contorna máis sostible e dunha sociedade máis comprometida.

 

A xornada foi introducida pola directora da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC e profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación, Carmen Costa, que sinalou que “desde a Cátedra cremos na arte como ferramenta de transformación social, e por iso apoiamos esta iniciativa”. Na mesa de apertura tamén estivo presente a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López, quixo poñer en valor o talento invisibilizado das mulleres no sector audiovisual. 

 

Camborda, nacida en San Sebastián e afincada en Santiago de Compostela, fixo un percorrido pola súa traxectoria e, máis en concreto, polo proceso de produción do filme O Corno que, segundo apuntou, “está centrado na capacidade da muller de dar vida e de decidir non dala”. Achegou ás persoas asistentes os detalles do seu papel como guionista e directora da película, e explicou que está abordada de forma atemporal, xa que “aínda que está ambientada en 1971, pretende dialogar co presente”.

 

Tras unha primeira parte expositiva, a cineasta contestou ás preguntas das persoas asistentes nun coloquio no que se abordaron aspectos como as fórmulas de financiación no sector audiovisual, as alianzas con outras produtoras, a implicación dos diferentes profesionais que forman parte do equipo de produción e o percorrido dos filmes nos festivais internacionais. 

 

A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC busca a través desta iniciativa fomentar unha comunicación con compromiso apoiada na promoción das industrias culturais galegas, nesta ocasión desde o cinema. A película protagonista deste encontro, O Corno, viaxa á Galicia de principios da década de 1970 para profundar na maternidade, a sororidade e a situación das mulleres no rural. 

 

Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.


A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible. Para logralo priorízanse as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.


Entre as iniciativas promovidas no marco da Cátedra para este ano atópanse a inserción laboral das persoas con capacidades diferentes e a colaboración na integración de persoas con discapacidade cognitiva, ambas a través do programa Espazo Compartido da UDC.

 

Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 284 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e Gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas catro provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa banda, a división de Autoservizos Cash Record de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 17 centros distribuídos homoxeneamente entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos en áreas empresariais con boas comunicacións.