Actualidade

Presentados máis de 20 traballos ao II Premio da Cátedra Vegalsa-Eroski ao mellor Traballo de Fin de Mestrado con criterios ASG e propósito corporativo

09/01/2024

 

A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa convocou a segunda edición do premio ao mellor Traballo Fin de Máster con temática relacionada con criterios ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) e propósito corporativo, á que se presentaron un total de 23 traballos defendidos por estudantes das tres universidades galegas nos anos 2022 e 2023 que obtiveron unha cualificación de sobresaliente. 


Os traballos presentados abarcan aspectos como a integración de estándares de reporte ASG para empresas europeas, protocolos contra a violencia no traballo, eliminación de microplásticos nas augas residuais, novos materiais para sistemas de refrixeración e calefacción sostibles, e optimización enerxética de vivendas, entre outro.


Todos os traballos foron admitidos por cumprir as condicións da convocatoria, e serán avaliados polo xurado durante os meses de xaneiro a marzo, que fará público o fallo durante o primeiro cuadrimestre do ano. Nesta edición entregaranse dous premios: un primeiro dotado con 1.500 euros e un segundo con 500 euros.


O número de traballos presentados nesta edición continúa coa liña da I edición dos premios, onde se presentaron 26 traballos, o que se considera un indicador positivo para estes premios, que segundo destaca a directora da Cátedra, Carmen Costa, “teñen un obxectivo dobre. En primeiro lugar, e de forma inmediata, animar ao alumnado que se atopa nunha etapa formativa de mestrado en Galicia a realizar traballos que teñan presentes os criterios ambientais, sociais e de goberno corporativo como eixos fundamentais. E, en segundo lugar, e de forma complementaria, axudar a sensibilizar ás empresas e as organizacións en materia de responsabilidade, compromiso social e desenvolvemento sostible”. 

 

Consulta aquí a resolución provisional dos traballos admitidos do II Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo de Fin de Máster en [Criterios ASG e Propósito Corporativo]


Avaliación das candidaturas
O xurado estará composto por membros da Comisión de seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, pola directora da Cátedra, Carmen Costa, e por tres expertos das outras universidades galegas e do ámbito da consultoría. 


Os criterios do xurado para a avaliación dos TFM atenderán á orixinalidade e relevancia do traballo; a calidade da identificación da situación partida, argumentación/desenvolvemento e conclusións obtidas; redacción e presentación do documento, estrutura dos contidos, claridade na exposición; e publicacións e comunicacións a congresos que puideran xurdir directamente relacionadas co traballo.