Actualidade

A Cátedra Aldaba-WIB participa no programa de radio 'A fume de Carozo' de Cuac FM sobre Orientación Académica e Profesional sobre Enxeñaría Informática e Graos afíns

24/10/2023

 

A directora da Cátedra pola UDC, Virginia Mato, participou o pasado 24 de outubro de 2023 no programa de radio número 321 de "A fume  de Carozo" de Cuac FM sobre Orientación Académica e Profesional sobre Enxeñería Informática e Graos afíns. O programa, que leva emitíndose semanalmente desde o 5 de maio de 2009, está promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. 

 

Este episodio foi o primeiro dedicado á orientación académica e profesional, concretamente á presenza das mulleres nas carreiras tecnolóxicas como Enxeñaría Informática, Intelixencia Artificial e Ciencia e Enxeñaría de Datos e ten por obxectivo orientar o mellor posible ao alumnado, principalmente de bacharelato, nas diferentes decisións que deben tomar no campo académico e profesional e incentivar que as nenas pensen informática como profesión. O programa foi presentado polas seguintes alumnas de 2º de Bacharelato: Alba García Calvete, Sara Sánchez González, Alba Seijas Lomba e Laura Teresa Varela Lema. Entrevistaron as profesoras da Facultade de Informática da UDC, a codirectora da Cátedra Aldaba-WIB das Universidades de Coruña e Vigo, Virginia Mato Abad e a coordinadora do Grao de Intelixencia Artificial da UDC, Berta Guijarro.

 

Durante a entrevista falaron sobre as vocacións tecnolóxicas femininas, as diferenzas e saídas profesionais dos distintos graos, así como da súa experiencia persoal. Ambas profesoras coinciden en que volverían estudar a mesma carreira se tivesen a mesma oportunidade. Para concluír a entrevista, Virginia Mato, resaltou que unha vez finalizados os estudos de grao na UDC hai moita diversidade de másteres e posgraduados que se poden facer para logo especializarse en sectores ou ramas moi diferentes. 

 

Para escoitar ou descargar o podcast do programa pica aquí.