Actualidade

Alfonso Gómez, alcalde de Xenebra, impartirá unha conferencia na Facultade de Economía e Empresa

20/10/2023

 

Alfonso Gómez, alcalde de Xenebra (Suíza), impartirá unha conferencia enmarcada no ciclo de conferencias sobre Economía e Internacionalización da Cátedra Luis Fernández Somoza. A charla leva por título “A xestión dunha gran cidade europea: unha visión social e ambiental” e terá lugar o 27 de outubro a partir da 13:00 h no salón de actos da Facultade de Economía e Empresa da UDC. 


Alfonso Gómez naceu en 1960 en Corme (Ponteceso), e o pasado mes de xuño tomou posesión como alcalde da cidade suíza de Xenebra, sendo o primeiro español no cargo. Fillo de emigrantes que abandonaron Galicia nos anos 60, pasou os seus primeiros anos de vida cos seus avós, ata que aos cinco anos se reuniu cos seus pais en Xenebra. Entre 1969 e 1974 viviu en Galicia e en 1974 trasladouse definitivamente á Suíza. 


Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Xenebra, traballou como auditor bancario ao finalizar os seus estudos antes de unirse ao Comité Internacional da Cruz Vermella como administrador delegado de 1989 a 2004, estando destinado en zonas de conflito como Sudán, Irán, o Corno de África e o Cáucaso Meridional. 


Completou a súa formación cun Certificado en Xestión de Institucións Sociais e un Máster en Administración e Empresas. Foi director administrativo e financeiro do Departamento de Instrución Pública e posteriormente subdirector do Conservatorio Popular de Música, Danza e Teatro, ata que foi elixido para o Consello Administrativo da cidade de Xenebra.


Será alcalde da cidade suíza ata maio de 2024, centrando o seu mandato no cambio climático e os dereitos humanos.