News

A Cátedra de Dereito Local desenvolve a xornada "Cando a lei vai de festas"

02/03/2018

A cátedra de Dereito Local desenvolveu unha xornada sobre os novidades do marco legal das verbenas en Galicia, segundo o publicado no DOG do 2 de xaneiro de 2018 coa Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Esta normativa e a primeira con rango legal que establece o regulamento autonómico para esta materia, dando resposta a un baleiro legal normativo.

 

En torno a isto a Facultade de Socioloxía da UDC acolleu a xornada na que se desenvolveu unha mesa redonda presentada por Javier Sanz Larruga. Neste punto aportou os seus coñecementos sobre a organización e autorización das verbenas en Galicia o Doutor en Dereito e Técnico Xurídico do Concello de Sada, Carlos Pérez González. Mentres que a situación na que quedan os concellos como contratistas de espectáculos públicos foi dada a coñecer polo xefe do servizo de contratación e patrimonio da Deputación da Coruña, Luis Jaime Rodríguez; e a perspectiva das comisións de festas foi aportada pola avogada Raquel Grela.

 

Por outra banda Carlos Amoedo- Souto foi o presentador da mesa redonda en torno aos principios e técnicas de intervención administrativa. Sobre isto Alba Nogueira (USC) deu a coñecer a perspectiva europea e competencias: liberalización de servizos e técnicas de control do risco. Mentres que Alejandro Antelo, Doutor en Dereito e Secretario do Concello de Neda expuxo a perspectiva local: ordenanzas locais, licenzas e potestades de control municipal dos espectáculos públicos.

 

A verbena galega como ben cultural e as perspectivas de protección foi a terceira parte da xornada. Un apartado moderado por Jennifer Sánchez González  e que contou coa intervención de Reyes Marzal Raga, profesora contratada doutora da Universitat de València. Marzal falou das festas populares e a música como obxecto de protección patrimonial. Mentres que Carlos Amoedo Souto puxo sobre a mesa a visión da verbena galega como patrimonio inmaterial.

 

O encontro finalizou co debate sobre a Lei e a súa aplicación no que participaron os deputados e deputadas do relatorio de elaboración da Lei, un representante da FEGAMP e o presidente da Asociación Galega de Orquestras.

 

Unha xornada na que o obxectivo era valorar o impacto do novo marco regulatorio no sector das verbenas populares de Galicia, así como a situación no que se atopaba. Do mesmo xeito sobre a mesa deixáronse propostas de políticas de protección, recuperación e potenciación da verbena galega como ben cultural, dotado dun alto potencial de xeración de capital económico e social.

Programa completo