Actualidade

Os gañadores do Premio Cátedra Vegalsa-Eroski presentan os seus traballos centrados na sustentabilidade

05/06/2023

A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa continúa avanzando agora coa defensa dos proxectos gañadores da primeira edición do Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC aos mellores Traballos de Fin de Máster (TFM) en criterios ASG e propósito corporativo. O primeiro premio foi para “KAPURA”, unha plataforma dixital para crear unha comunidade de consumo responsable, de Daniel Alejandro Castrillón Cano, Alejandra Ceballos, Francisca Pacheco e Sara Silvar, alumnos da Universidade da Coruña. O segundo premio correspondeu ao traballo “Rendición de contas e transparencia en materia de sustentabilidade en Galicia. Tendencias e perspectivas. Ano 2022”, de Anahi Iglesias Gualati, alumna da Universidade de Vigo.

 

Durante a defensa dos traballos e entrega de premios, celebrada esta mañá no Reitorado da UDC, estiveron presentes a directora da Cátedra, Carmen Costa; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández e a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, para quen “o compromiso cos nosos grupos de interese reflíctese día a día en iniciativas de RSE e tradúcese en accións sociais, ambientais e educativas como esta que fomenten o consumo responsable”. Pola súa banda, a directora da Cátedra subliñou o “talento reflectido no alto nivel de todos os traballos presentados e a suma de innovación, sustentabilidade e responsabilidade nos proxectos premiados, valores necesarios para o avance social e o compromiso de todos os axentes implicados”. 

 

Ao certame presentáronse un total de 26 traballos fin de máster, todos eles realizados por estudantes de universidades públicas galegas durante os anos 2021 e 2022, cualificados con sobresaliente e centrados en temas relacionados cos criterios ASG -Ambientais, Sociais e de Gobernanza-.

 

Xurado e dotación económica
Nesta primeira edición do Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo de Fin de Máster (TFM) o xurado estivo composto polos membros da Comisión de Seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, a directora da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, Carmen Costa Sánchez, tres expertos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Universidade de Vigo (UVigo), ademais de expertos do ámbito da consultoría. 
En canto ás contías, o primeiro premio desta primeira edición está dotado con 1.500 euros e o segundo, con 500 euros. 

 

Comunidade en liña para o consumo responsable
O Traballo de Fin de MÁSTER “KAPURA” busca crear unha comunidade de compradores e produtores conscientes, preocupados e informados achega do medio ambiente, a sustentabilidade e as comunicacións locais. 

 

O proxecto, que se pode visitar na plataforma dixital https://kapurascom.wordpress.com/, incentiva a produción e consumo responsable de produtos de orixe local así como a elaboración artesanal a través do contido xornalístico. Desta forma, busca dar a coñecer as historias e persoas que hai detrás de cada produto, a súa venda en liña e o desenvolvemento de actividades relacionadas coa sustentabilidade xerando unha comunidade responsable e comprometida co pequeno comercio, ao mesmo tempo que ofrece aos produtores unha ferramenta coa tecnoloxía necesaria para ampliar a súa actividade comercial.

 

 

O traballo que recibiu o segundo premio, “Rendición de contas e transparencia en materia de sustentabilidade en Galicia. Tendencias e perspectivas. Ano 2022”, analizou as memorias publicadas de compañías galegas en 2020 e 2021 para coñecer os temas da axenda global que impactan con máis forza no tecido empresarial da Comunidade. Entre as conclusións do traballo, destaca o crecemento progresivo na evolución das contas e a transparencia das compañías, pero tamén o baixo número de entidades que reportan esta información, así como a falta dunha homoxeneidade que permita comparacións entre documentos deste tipo. 

 

 

Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.

 

A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible.  Para logralo priorizaranse as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.

 

Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 282 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski/Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski/City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa banda, a división de Autoservizos Cash Récord de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 17 centros distribuídos homoxeneamente entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos en áreas empresariais con boas comunicacións.