Actualidade

O proxecto KAPURA gaña o Premio Cátedra Vegalsa- Eroski

11/05/2023


A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso social, Comunicación e Reputación corporativa anunciou o gañador da primeira edición do Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo Fin de Mestrado (TFM)”, que  recaeu no proxecto KAPURA da Universidade da Coruña, de Daniel Alejandro Castrillón Cano, Alejandra Ceballos, Francisca Pacheco e Sara Silvar). O segundo premio foi outorgado ao traballo “Rendición de contas e transparencia en materia de sustentabilidade en Galicia. Tendencias e perspectivas. Ano 2022” da Universidade de Vigo, de Anahi Iglesias Gualati.


Ao certame presentáronse 26 traballos fin de mestrado, todos eles realizados por estudantes das universidades públicas galegas durante os anos 2021 e 2022, cualificados con nota de sobresaínte e centrados en temas relacionados  cos criterios ASG -ambientais, sociais e gobernanza- e o propósito corporativo, de acordo coas bases da convocatoria. 


Unha ferramenta dixital para xerar unha comunidade de consumo responsable 
O traballo de Fin de Máster KAPURA procura crear unha comunidade de compradores e produtores conscientes, preocupados e informados acerca do medio ambiente, a sostenibilidade e as comunidades locais.


O proxecto KAPURA https://kapurascom.wordpress.com/ é unha plataforma dixital que incentiva a produción e consumo responsable, os  produtos de orixe local e a elaboración artesanal a través de contido periodístico, dando a coñecer as historias e persoas detrás de cada produto, facendo posible a venda en liña e desenvolvendo actividades relacionadas coa sustentabilidade, xerando así unha comunidade responsable, con intereses comúns e comprometida cos pequenos negocios, ao tempo que se ofrece aos pequenos produtores unha ferramenta coa tecnoloxía necesaria para ampliar as súas vendas e facer viables as súas empresas.


O traballo obxecto do segundo premio, “Rendición de contas e transparencia en materia de sustentabilidade en Galicia. Tendencias e perspectivas. Ano 2022”, analizou as memorias publicadas en 2020 e 2021 para coñecer os temas da axenda global que impactan con máis forza no tecido empresarial galego. Entre as conclusións destaca o crecemento progresivo na rendición de contas e na transparencia, aínda que son poucas as organizacións que reportan, falta unha homoxeneidade que permita comparacións, e só un 24% das memorias publicadas están sometidas a unha auditoría externa.

 

Xurado, entrega e contía dos premios
Nesta primeira edición do Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo de Fin de Máster (TFM) o xurado estivo composto polos membros da Comisión de Seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, a directora da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC, Carmen Costa Sánchez, tres expertos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Universidade de Vigo (UVigo), ademais de expertos do ámbito da consultoría. 


A directora da Cátedra destacou o “elevado nivel de todos los trabajos presentados y la fusión de innovación, sostenibilidad y nuevas tecnologías TIC en los proyectos premiados, atributos necesarios para el avance social desde la responsabilidad”. Precisamente estes atributos son valores compartidos desde a compañía promotora da Cátedra Vegalsa-Eroski que, a través da súa directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa, Gabriela González, destacan o seu “compromiso empresarial con la comunidad desde el punto de vista económico, social y medioambiental a través de distintas iniciativas de RSE como las que fomentan estos premios”


En canto ás contías, o primeiro premio desta primeira edición está dotado con 1.500 euros e o segundo, con 500 euros. A entrega de galardóns e acto de exposición pública dos traballos gañadores terá lugar o próximo 5 de xuño, coincidindo co Día Internacional do Medio Ambiente.

 

Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.


A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible.  Para logralo priorizaranse as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.

 

Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 282 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski/Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski/City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa banda, a división de Autoservizos Cash Récord de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 17 centros distribuídos homogéneamente entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos en áreas empresariais con boas comunicacións.