Actualidade

A Feira de Prácticas e de Emprego da Facultade de Informática facilita ao alumnado o contacto directo coas empresas

19/04/2023

 

As cátedras ALDABA WIB, CICAS (Sngular-CoruNet) e NTT Data deron a coñecer o Premio ao mellor Traballo Fin de Grao do curso 2021-22, que recaeu en Pablo Mariño Boga polo seu TFG “Desenvolvemento dun dispositivo para a monitorización de marcadores de calidade ambiental”.

 

Un ano máis, a Facultade de Informática da UDC acolle a súa Feira de Prácticas e de Emprego, dirixido fundamentalmente ao alumnado da Facultade que o próximo curso académico realizarán prácticas curriculares en empresas, como vía para iniciar o seu camiño profesional nun mercado altamente dinámico e demandante de perfís cualificados.


Co fin de facilitar a conexión entre o alumnado e empresas, durante as mañás de hoxe mércores e mañá xoves, as 24 corporacións adheridas ao programa de prácticas contan con postos informativos na planta 0 da Facultade de Informática. Así mesmo, as cátedras vinculadas á Facultade celebran conferencias sobre algunhas das últimas tendencias e liñas de traballo no sector TIC, mentres que o Servizo de Emprego da UDC orienta sobre como elaborar un curriculum e preparar unha entrevista de traballo.

 

 

No marco da Feira, hoxe deuse a coñecer o fallo do Oitavo Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado da FIC, entre os traballos defendidos no curso 2021/22. 


O proxecto gañador, seleccionado entre os tres finalistas, correspondeu ao “Desarrollo de un dispositivo para la monitorización de marcadores de calidad ambiental.”, de Pablo Mariño Boga. O dispositivo permite múltiples aplicacións como o control da temperatura e da humidade dos espazos, así como da iluminación e da calidade do aire, ou incluso a detección de incendios e a exposición ao ruído, entre outras.


As cátedras ALDABA WIB, CICAS (Sngular-CoruNet), e NTT Data patrocinan este galardón anual que conta coa colaboración do Centro de Investigación en TIC (CITIC) e da Fundación Universidade da Coruña. Está dotado con 1.500 euros para o gañador e dous accésits de 500 euros para os outros dous finalistas. 


Na presente edición, as empresas que apoian as cátedras seleccionaron os tres mellores proxectos entre os quince presentados, todos eles TFG con Matrícula de Honra no curso 2021/22. Os accésits foron para os traballos “Sistema de posicionamiento de teléfonos Android a través de las propiedades físicas del sonido”, de Rubén Somoza Domínguez, e “Sistema de validación de títulos académicos basado en tecnologías Blockchain”, de Gabriel Fernández Blanco.

 

 


Conferencias no marco da Feira
Así mesmo, estas tres cátedras protagonizan algunhas das conferencias impartidas con motivo da Feira. Hoxe foi a quenda da Cátedra ALDABA WIB coa charla “Como integran aplicacións as empresas intelixentes (API Management API Orchestration)?”, impartida por Luís M. Rodríguez, de ALDABA, e Virginia Mato, directora da cátedra. Pola súa banda, en representación da Cátedra CICAS interveu José E. García Maciñeiras, da empresa Sngular-Corunet que financia dita cátedra e que falou sobre “Open source, un compoñente estratéxico”. 


Na xornada de mañá a Cátedra NTT Data celebra a charla “Como poden favorecer a diversidade os algoritmos da IA?” que será abordada por Javier Martínez Torres, de NTT Data.

 

A última conferencia da Feira correrá a cargo da Cátedra ITG, coa intervención de Yaiza López e Laura Rodríguez, do Instituto Tecnolóxico de Galicia e o seu spin-off Flythings, sobre “Aplicabilidade da IA en retos multisectoriais”.