Actualidade

A Cátedra Epifanio Campo galardoa as mellores propostas multimedia para divulgar os valores da economía circular no seu Primeiro Premio de Divulgación Científica

24/02/2023

A Cátedra Epifanio Campo celebrou o acto de entrega do Primeiro Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo no Salón de Actos do Campus de Ferrol. O acto contou coa presenza do alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o reitor da UDC, Julio Abalde; o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo, e a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo. O obxectivo principal deste galardón é promover a investigación e o coñecemento no ámbito da economía circular dentro do colectivo universitario.

 

A directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, foi a encargada de presentar o acto, no que agradeceu a presencia de destacados membros da comunidade universitaria, así como do Grupo Rodonita, promotor da Cátedra Epifanio Campo. O primeiro en saudar e felicitar aos alumnos e alumnas premiados foi o alcalde de Ferrol. Ángel Mato destacou como un acerto que se escollera Ferrol para a entrega deste galardón, xa que alberga o primeiro campus de excelencia industrial de Galicia, no que se forman profesionais con gran talento. Tamén salientou o traballo que desenvolve o Grupo Rodonita na xestión de residuos industriais, aportando un gran valor á economía circular, que é imprescindible no actual contexto sociopolítico e que ademais presenta unhas grandes perspectivas de crecemento na comarca de Ferrolterra.

 

Tras a intervención do rexedor procedeuse á entrega dos premios. O principal, dotado con 1.200 euros, foi concedido a Adela Ríos Gómez. O traballo é unha coidada ilustración na que a alumna propón unha reflexión visual sobre o contraste entre a paisaxe que xerarían unhas boas prácticas en economía circular e a que derivaría dunha mala xestión neste ámbito. Tamén se concederon accésits en diferentes categorías: a que recoñece a orixinalidade da proposta multimedia foi para o traballo de Coral de Rosa Valero e Iago Fernández Garrido. Outro dos accésit, que premia a capacidade de divulgación e sensibilización da proposta multimedia foi para a proposta de Raúl Robles Iglesias, e o terceiro accésit, que recoñece a calidade técnica, foi para  a proposta multimedia presentada por Ignacio Manrique Fernández.

 

Os encargados de pechar o acto foron o conselleiro delegado do Grupo Rodonita e o reitor da Universidade da Coruña. Pola súa banda, Jacobo Campo destacou que é un orgullo para o Grupo Rodonita contribuír ao avance tecnolóxico e a innovación do sector medioambiental en Galicia, facendo posible que desenvolvemento industrial e medio ambiente sexan “factores dunha mesma ecuación chamada desenvolvemento”.  Respecto do premio, lembrou que no seu obxectivo queda patente a pegada de Epifanio Campo, e salientou a importancia da divulgación no ámbito medioambiental, xa que trasladar a idea de que a industria proporciona benestar pero tamén produce residuos que é necesario tratar adecuadamente é unha tarefa imprescindible para que a poboación saiba que está protexida e que é posible unha industrialización respectuosa co seu contorno.

 

Na mesma liña expresouse o reitor da UDC, que indicou que a transversalidade dos traballos presentados neste premio, con máis de 60 participantes, estudantes de grao, máster e programa de doutoramento de 18 titulacións da Universidade da Coruña con interesantes propostas. Demostrando así que a economía circular débese enfocar desde diferentes puntos de vista, e así se demostrou durante pandemia, revelándose como unha necesidade fundamental que a cidadanía coñeza os conceptos científicos e tecnolóxicos que afectan á súa vida cotiá para evitar a desinformación, as fake news ou ideas preconcebidas. Tamén lembrou a figura de Epifanio Campo como un pioneiro na xestión medioambiental e indicou que esta cátedra é un gran legado.

 

Cátedra EPIFANIO CAMPO

O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sostenibilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.

 

RODONITA Medio Ambiente

RODONITA é a sociedade cabeceira dun holding empresarial formado por múltiples empresas e con ampla presenza e implantación en diversos sectores como a enerxía, o medio ambiente e residuos así como materiais de construción, hostaleiro, vitivinicultura, acuicultura ou sector servizos. A división ambiental do Grupo está especializada na xestión integral de residuos e servizos ambientais, conformando un grupo empresarial competitivo, dinámico e socialmente responsable, capaz de gañar tamaño e implantación e reforzar a súa posición no mercado nacional.

 

PMA (Protección Medio Ambiental, SL), que inicia a súa actividade en 1991, está especializada na recollida itinerante e capilar de residuos procedentes do sector industrial e talleres de automoción. Pola súa banda, SOGARISA, é a entidade concesionaria da explotación do CTRIG (Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia), infraestrutura pública titularidade da Xunta de Galicia, situada no Polígono das Somozas e referente a nivel nacional no tratamento e eliminación de residuos industriais perigosos.