Actualidade

Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, impartiu unha conferencia na UDC sobre os orzamentos da Xunta e a importancia da planificación

10/02/2023

 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública ofreceu unha conferencia baixo o título “A Xunta de Galicia, planificación e orzamentos”, organizada pola Cátedra Luís Fernández Somoza. Durante a conferencia destacou que a planificación estratéxica é un elemento esencial para abordar os retos do futuro sen improvisacións. 

 

A sesión foi presidida polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde e tivo lugar o venres 10 de febreiro ás 13:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Economía e Empresa.

 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, lembrou na conferencia na Coruña os eixos e metas do Plan Estratéxico 2022-2030. O representante autonómico destacou, ademais, que a planificación estratéxica é un elemento esencial para abordar os retos de futuro sen improvisacións.

 

Corgos aproveitou para lembrar os cinco eixos transversais do Plan Estratéxico 2022-2030: o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial e gobernanza. O plan conta ademais con 20 prioridades de actuación e 70 obxectivos estratéxicos.

 

O documento tamén recolle 10 grandes metas para 2030. Estas son a converxencia plena con España en renda per cápita dos fogares galegos; a redución de catro puntos a taxa de paro ata o 8%; o aumento de 18 a 23 anos de vida saudable a partir dos 65; a redución de 5,5 puntos a taxa de abandono escolar, ata o 6,5% e o logro dun 45% da poboación de 25 a 64 anos con educación superior.

 

Outras metas do plan son o avance cara a neutralidade climática, reducindo un 55% as emisións de efecto invernadoiro en relación a 1990; o incremento ata o 85% a porcentaxe de enerxías renovables na xeración de enerxía eléctrica; o aumento das exportacións ata o 45% do PIB; a procura dunha Galicia dixital e innovadora: duplicando o gasto en I D e co obxectivo de que o 90% da poboación adulta empregue competencias dixitais; a redución do número de persoas en risco de pobreza e exclusión social; e a garantía dunha Galicia sen brechas de xénero.

 

O conselleiro subliñou que esta planificación reflíctese cada ano no orzamento da Xunta e neste sentido resaltou que para este ano 2023, o Goberno galego deseñou unhas contas de impulso con dous obxectivos claros: achegar solucións a familias e empresas pola alza de prezos e favorecer a reactivación da economía.

 

Corgos asegurou que a comunidade conta cun orzamento de 12.620 millóns de euros, o máis alto da historia de Galicia. Os orzamentos teñen cinco liñas prioritarias de actuación: apoio e protección ás familias e as persoas máis vulnerables; aforro e eficiencia enerxética; dinamización económica; protección do medio ambiente e contra a seca e o cambio climático; e fortalecemento dos servizos públicos.