Actualidade

A Cátedra NTT DATA participou, como patrocinador ouro, no HackUDC 2023

26/02/2023

HackUDC é o primeiro hackathon ("Hack" + "Marathon") universitario da Universidade da Coruña, celebrado os días 24 e 25 de febreiro na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Esta é a primeira edición e o obxectivo deste evento é proporcionar un espazo para que os estudantes de todos os niveis poidan mellorar e aprender novas habilidades, coñecer xente incrible e pasalo en grande creando un proxecto Open source cos seus compañeiros de equipo. 

 

O evento, no que participaron 44 estudantes, comezou cunha pequena introdución por parte da organización (GPUL) e unha breve explicación dos tres patrocinadores estrela, entre os que se atopan a Cátedra NTT DATA, Gradiant e Zara Tech; que ademais presentaron unha serie de retos sobre os que enfocar os proxectos. Repartíronse máis de 1.000 euros en premios.

 

A Cátedra NTT DATA participou, como patrocinador ouro, no HackUDC 2023 (https://hackudc.gpul.org/index.html), organizado polo GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux).

 

Desde a cátedra propuxeron un reto baseado na creación de tecnoloxía pensada para a diversidade tecnolóxica, que gañou YAYO APP, aplicación que se enfronta ao problema da fenda dixital en adultos. Podédela atopar na seguinte ligazón: https://devpost.com/software/yayo-app