Actualidade

XoveTIC 2026 recoñece nove investigacións innovadoras en intelixencia artificial, ciberseguridade e tecnoloxías cuánticas

16/10/2026

 

O IX Congreso XoveTIC, organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), clausurou o 16 de outubro a súa novena edición coa entrega de nove premios a traballos científicos destacados no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións. O encontro reuniu máis de 150 investigadores e investigadoras novos e consolidouse como un espazo para compartir coñecemento, impulsar a colaboración científica e promover solucións tecnolóxicas innovadoras.

 

Entre os traballos premiados destacan investigacións sobre a detección da depresión mediante sinais electroencefalográficos, a análise forense dixital con intelixencia artificial, a aprendizaxe automática cuántica e a predición da produción de enerxía fotovoltaica. Os recoñecementos tamén abrangueron áreas como a ciberseguridade, a ética tecnolóxica, a realidade estendida e a análise de datos biomédicos.

 

Premios e entidades colaboradoras

A Cátedra Aldaba-WIB (Women, ICT & Business) distinguiu a investigación What Helps Robots Align? The Role of Vision and Feedback, de Diana Cerdas, Alejandro Romero e Richard J. Duro. O estudo analiza como mellorar a capacidade dos robots para interpretar as intencións humanas e adaptar o seu comportamento ás instrucións recibidas. Este galardón recoñece o traballo máis relevante liderado por unha muller como primeira autora.

 

No ámbito das tecnoloxías cuánticas, o premio ITG-ARQADE recaeu en Lucas Grandal Lama, Alejandro Mayorga Redondo, Eduardo Mosqueira Rey e Diego Álvarez Estévez polo traballo Application of Evolutionary Optimization Algorithms to Quantum Machine Learning Models for Sleep Medicine Analysis. A investigación compara diferentes algoritmos para adestrar modelos de aprendizaxe automática cuántica aplicados á análise de datos relacionados coa apnea do sono.

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recoñeceu a Manuel Noya-Vázquez, Rubén Pérez-Jove, Martiño Rivera-Dourado, Alejandro Pazos e Jose Vázquez-Naya polo estudo Integrating Computer Vision into Autopsy for Scalable Visual Evidence Triage in Digital Forensic Investigations. O equipo desenvolveu un módulo de código aberto que incorpora visión artificial á ferramenta Autopsy, utilizada nas investigacións forenses dixitais, para detectar obxectos e localizar imaxes relevantes entre grandes volumes de evidencias.

 

Pola súa banda, a Cátedra Denodo-UDC de Enxeñaría de Datos, IA e Innovación Tecnolóxica premiou a Noel Freire-Mahía, Pablo Vilaboy-Sachocos, Pedro Pablo Gómez González, Antonio Díaz-Longueira, Míriam Timiraos e Álvaro Michelena polo traballo Does decomposition help? A STL-based approach to photovoltaic power forecasting with LSTM and GBT. A investigación emprega técnicas de análise de series temporais e aprendizaxe automática para mellorar a predición da xeración de enerxía fotovoltaica.

 

No ámbito ético-xurídico, o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña (ICACOR) distinguiu o traballo Ethics-by-Design for Dual-Use XR Systems: A Governance Framework, de Paulo Veloso Gomes, Henrique Curado, Ana Vianez, Antonio Marques, Barbara Gomes, Vítor Sá e Javier Pereira. A proposta establece un marco de gobernanza para incorporar principios éticos ao longo de todo o ciclo de vida das tecnoloxías de realidade estendida, desde o deseño ata a súa implantación e avaliación.

 

A Cátedra R recoñeceu a investigación What Should Network Traffic Transformers Learn? A Comparative Study of Pretraining Objectives, de Sergio Vila-Riveira, Rubén Pérez-Jove, Martiño Rivera Dourado, Alejandro Pazos e José Vázquez Naya. O estudo compara cinco estratexias de aprendizaxe autosupervisada para mellorar os modelos de intelixencia artificial que analizan o tráfico de rede, achegando criterios para desenvolver sistemas máis eficaces de clasificación e seguridade das comunicacións.

 

A Fundación CITIC premiou a Samuel Otero Agraso e Diego Álvarez Estévez polo traballo Patient-Level Evaluation of EEG-Based Depression Detection. A investigación avalía a fiabilidade dos modelos de intelixencia artificial utilizados para detectar a depresión a partir de sinais electroencefalográficos. Para iso, separa os datos de adestramento e proba por pacientes, co obxectivo de evitar que os modelos identifiquen persoas concretas en lugar de aprender patróns asociados á enfermidade.

 

O Clúster TIC concedeu o premio á mellor comunicación oral a Fernando Mondragón, Diego Álvarez Estévez e Eduardo Mosqueira Rey polo estudo Evaluating the performance of Quantum Support Vector Machines under Realistic Noise and Its Mitigation. O traballo analiza como afecta o ruído dos ordenadores cuánticos reais ao funcionamento das máquinas de vectores de soporte cuánticas e avalía o seu potencial en condicións próximas ás de uso real.

 

A mesma entidade distinguiu, na categoría de mellor póster, a Isabel Tuñas Maceiras, Javier Pereira Loureiro e Beatriz Rodríguez Romero polo traballo Data engineering and data science applied to biomechanics: a multimodal kinematic and clinical dataset in adults over 60 with knee osteoarthritis. A investigación presenta unha base de datos de 136 persoas maiores de 60 anos, con e sen artrose de xeonllo, que combina información sobre movemento, función articular e indicadores clínicos. Os datos buscan facilitar novos estudos sobre diagnóstico, aprendizaxe automática e rehabilitación personalizada.