Actualidade

Sesións de exercicio e saúde oncolóxica en Ribeira

14/10/2025

 

O ciclo de actividades da Cátedra AECC-UDC “Exercicio contra o Cancro” chegou tamén a Ribeira (A Coruña), onde se repetiu con gran acollida o formato de charla divulgativa e taller práctico sobre os beneficios do exercicio físico en persoas con cancro.


Na charla celebrada o 16 de setembro, o director da Cátedra iniciou a sesión cunha exposición sobre o papel do exercicio físico na mellora do benestar e a recuperación das persoas con cancro, na que os asistentes compartiron as súas experiencias e dificultades para manterse activos durante o proceso oncolóxico, destacando o valor do exercicio como unha ferramenta segura e eficaz para mellorar o estado físico, o ánimo e a calidade de vida. A participación foi especialmente activa e entusiasta, xerando un ambiente de confianza e motivación que reflectiu o espírito do programa.


O 23 de setembro tivo lugar o taller práctico, no que a auxiliar de investigación da cátedra explicou aspectos clave da práctica de exercicio físico como a autopercepción do esforzo e a planificación de sesións adaptadas. Os participantes realizaron unha avaliación funcional baseada no protocolo VIVIFRAIL e unha sesión guiada de adestramento con exercicios de mobilidade, camiñada, fortalecemento, equilibrio e estiramentos, sempre baixo a supervisión do equipo técnico da Cátedra, conformado por profesionais e estudantes do Performance & Health Group da UDC.


A implicación e entusiasmo do grupo traspasaron mesmo o ámbito da actividade: dous das participantes foron entrevistadas pola televisión local, Canle Barbanza, onde compartiron a súa experiencia e axudaron a difundir a mensaxe sobre os beneficios do exercicio durante o cancro. Ademais, a canle emitiu unha reportaxe sobre o desenvolvemento do taller, mostrando como o movemento, a constancia e a actitude positiva poden converterse en aliados esenciais no coidado oncolóxico.