Actualidade

Charla e taller sobre exercicio físico e cancro en Arteixo

14/10/2025

 

O pasado 29 de abril de 2025, a Cátedra AECC-UDC “Exercicio contra o Cancro” en colaboración coa sede local da AECC. levou a cabo en Arteixo (A Coruña) unha charla dirixida a pacientes e familiares vinculados coa Asociación Española contra o Cancro. 


O director da cátedra abriu a sesión cunha exposición sobre os beneficios do exercicio físico nas persoas con cancro, destacando o seu papel na mellora da capacidade funcional, o estado de ánimo e a calidade de vida. Posteriormente, os asistentes compartiron as súas experiencias e as principais barreiras que atopan para manterse activos, como o medo ao esforzo físico ou a coexistencia doutras doenzas.


Como continuación, o 6 de maio desenvolveuse un taller práctico complementario, no que se abordaron temas como a percepción do esforzo e a estrutura dunha sesión de exercicio saudable. Os participantes realizaron ademais unha avaliación da súa condición física mediante o protocolo VIVIFRAIL e participaron nunha sesión de adestramento adaptado ás súas capacidades, baixo a supervisión dos profesionais do Performance & Health Group (UDC).


Estas actividades reforzan o compromiso da Cátedra AECC-UDC “Exercicio contra o Cancro” coa promoción do exercicio como ferramenta segura e eficaz para mellorar a saúde e o benestar das persoas con cancro e as súas familias.