Persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) participa no proxecto AOFFTECH: Atlantic Offshore Tech, financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico e coordinado polo Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime). O equipo da Universidade da Coruña (UDC) lidera o estudo das necesidades tecnolóxicas para a implantación de parques experimentais de eólica mariña flotante no Arco Atlántico, que conta cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns están cofinanciados polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER). [Link á noticia completa da UDC]
AOFFTECH consolida e amplía os logros do proxecto predecesor, AOWINDE: Atlantic Offshore Wind Energy, centrado en fortalecer a cadea de valor da eólica mariña na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, dando un paso máis na dimensión tecnolóxica, ambiental e territorial; e estende o seu alcance a cinco países do Arco Atlántico.
Tecnoloxía, sustentabilidade e coñecemento desde a UDC
A institución coordina unha das tarefas principais do primeiro paquete de traballo (WP1), orientada a promover a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e de investigación do sector eólico flotante na eurorrexión atlántica. Esta acción impulsa o intercambio de coñecemento e o desenvolvemento de innovacións tecnolóxicas, como as plataformas multiuso e o hidróxeno verde. Ademais, busca favorecer o desenvolvemento sostible e a convivencia con actividades tradicionais de sectores como a acuicultura, o turismo e a monitorización de ecosistemas, co obxectivo de garantir impactos positivos e mitigar posibles efectos nas comunidades locais.
Dentro deste labor, o CITENI, a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), lidera a análise das barreiras técnicas que dificultan o despregamento de parques eólicos experimentais flotantes. Para iso, define unha folla de ruta tecnolóxica e desenvolve ferramentas para avaliar o comportamento destas infraestruturas a medio e longo prazo, ademais da súa repercusión a nivel socioeconómico e industrial. Pola súa banda, o CITEEC achega a súa experiencia en enxeñaría civil aplicada a infraestruturas marítimas e enerxéticas.
“AOFFTECH permítenos achegar desde a universidade solucións reais para que a enerxía eólica mariña flotante deixe de ser un horizonte e se converta nunha infraestrutura experimental viable”, explica Vicente Díaz, investigador principal do proxecto por parte da UDC. “Desde o CITENI, estamos a analizar as barreiras técnicas actuais para que as plataformas experimentais poidan comezar a operar no menor tempo posible”.
Consolidación e salto tecnolóxico
O obxectivo do proxecto é desenvolver unha estratexia común para acelerar a implantación da eólica mariña flotante, reforzando ao mesmo tempo a cohesión territorial, a sustentabilidade ambiental e a transferencia de coñecemento. En liña cos obxectivos do Pacto verde europeo e a estratexia de descarbonización do continente, AOFFTECH promove unha acción coordinada baseada no desenvolvemento tecnolóxico, o diálogo coas comunidades costeiras e a mellora da planificación reguladora, co fin de situar o Atlántico como un espazo chave na transición enerxética europea.