Actualidade

A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC entrega os premios aos mellores Traballos de Fin de Máster relacionados coa sustentabilidade

09/07/2025

 

  • “As habilidades de pensamento crítico nun proxecto infantil sobre sostibilidade” e “Estrategias de marketing para el fortalecimiento de fundaciones: plan de marketing de ASPANSOR” foron as propostas gañadoras desta terceira edición. 
  • Os TFM foron galardoados cunha dotación económica total de 2.000 euros. 
  • Nesta convocatoria participaron máis dunha vintena de traballos das tres universidades públicas galegas.


A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa fixo entrega esta mañá na Reitoría da Universidade da Coruña dos premios aos mellores Traballos de Fin de Máster (TFM) en criterios ASG e propósito corporativo. As propostas gañadoras desta terceira edición foron “As habilidades de pensamento crítico nun proxecto infantil sobre sostibilidade”, de Sara Piñeiro Lago, e “Estrategias de marketing para el fortalecimiento de fundaciones: plan de marketing de ASPANSOR”, de Romina Florencia D. Agostino Gacio, ambas as dúas estudantes da Universidade de Vigo. 

 

No acto de entrega de premios estiveron presentes a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Ares, e Carmen del Río, técnica de Comunicación de Vegalsa-Eroski. A vicerreitora remarcou que “Hoxe celebramos non só a culminación de esforzo, talento e investigación, senón tamén o compromiso cun futuro máis sostible e responsable por parte do noso estudantado, que demostrou que se pode contribuír ao benestar da sociedade e ao coidado da nosa contorna desde distintos ámbitos de coñecemento”. Pola súa banda, desde Vegalsa-Eroski destacaban estar “moi contentos un ano máis pola boa acollida que tiveron os premios e polo alto nivel das propostas participantes, que son unha mostra da importancia de seguir investigando, innovando e divulgando en materia de sostibilidade”. 

 

Un proxecto infantil e un plan de márketing, traballos gañadores 
Ao certame presentáronse un total de 24 TFM, todos eles realizados por estudantado de universidades públicas galegas durante os anos 2023 e 2024, cualificados con sobresaliente e centrados en temas relacionados cos criterios ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza). O primeiro premio está dotado con 1.500 euros e o segundo con 500 euros.


O traballo gañador consiste nun proxecto de investigación educativo sobre sustentabilidade e pensamento crítico no que participaron máis dunha decena de nenos e nenas de educación infantil. Partindo dun problema central vinculado á crise ambiental, concretamente a deforestación e os incendios nos bosques galegos, a docente introduciu preguntas clave para estimular o debate e o diálogo. Ao longo de oito sesións, o estudo concluíu que o alumnado presenta algunhas habilidades de pensamento crítico.  


O segundo traballo premiado compendia estratexias de márketing para o fortalecemento das fundacións. A través do caso da Asociación de Padres de Niños Sordos de Zaragoza (ASPANSOR), estudáronse cales serían as accións máis efectivas para promover a transparencia, xerar contido estratéxico e fomentar unha comunicación auténtica e sostible. O seu obxectivo é crear un camiño replicable que permita ás fundacións captar máis socios e patrocinadores co márketing dixital como ferramenta clave.


O xurado do III Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Trabajo de Fin de Mestrado estivo composto por membros da Comisión de seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC; pola directora da Cátedra, Carmen Costa; e por tres persoas expertas das outras universidades galegas e do ámbito da consultoría. 


Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.


A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible.  Para logralo priorizaranse as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.


Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 288 establecementos entre propios e franquías baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia,  Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.