Actualidade

Clausurada con éxito a terceira edición do ALDABA-TIC CAMP

07/07/2025

 

O pasado venres día 5 botou o peche a terceira edición do ALDABA-TIC CAMP co acto de clausura da segunda quenda celebrada na Facultade de Informática da UDC. No acto, participaron a Vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López, o Vicedecano de Recursos Informáticos da Facultade de Informática, Francisco Cedrón, a Directora do Área de Talento, Cultura e Impacto Positivo do Grupo ALDABA, Ariana Carro e a Directora da Cátedra ALDABA-WIB na UDC, Virginia Mato, quenes puxeron en valor a importancia de iniciativas como esta para achegar a tecnoloxía ás xeracións máis novas e reducir a fenda de xénero no ámbito TIC.

 


Baixo o lema “Salvar a Terra”, 134 nenas e nenos de entre 6 e 12 anos participaron este 2025 nunha experiencia lúdica e formativa na que aprenderon sobre robótica con LEGO, Arduino, Drones, Micro:Bit, Edison, CoSpaces ou Deseño e impresión 3D, todo a través dunha misión colaborativa de protección medioambiental.


A iniciativa, que contou cun 70% de participación feminina, reafirma o obxectivo central da Cátedra ALDABA-WIB: fomentar as vocacións tecnolóxicas e reducir a fenda de xénero nas titulacións TIC. Dende a Cátedra queremos destacar a creatividade, curiosidade e compromiso co planeta que demostraron todas as participantes, así como o apoio institucional recibido para facer posible esta terceira edición.