A Facultade de Informática da Universidade da Coruña foi a sede do AtlánticaConf os días 13 e 14 de xuño de 2025, consolidándose como o evento de referencia no sector das tecnoloxías da información en Galicia, organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre (Agasol). Este evento celebra a súa terceira edición, tras o éxito das edicións de 2019 e 2023 (esta última con máis de 400 participantes), e conta co apoio da Cátedra CICAS como entidade patrocinadora.
Esta conferencia presenta un programa que mostra a forza e innovación da industria tecnolóxica galega, onde se reune a expertos, profesionais e comunidades tecnolóxicas para mostrar o potencial do sector en Galicia e as súas múltiples aplicacións prácticas.
AtlánticaConf 2025 inclúe máis de 50 relatorios seleccionados entre máis de 125 propostas, con temáticas que inclúen intelixencia artificial, sistemas distribuídos, deseño e aplicacións especializadas en sectores como a xestión de residuos, a cardioloxía e o seguimento de hábitats; ademais de charlas breves e talleres organizados por distitntas comunidades.
Pablo Castro, membro da organización e emprendedor galego, subliña a importancia do evento: “AtlánticaConf es el sitio donde puedes ver a profesionales gallegos hablando de tecnología y que te demuestran que no hace falta irte fuera de Galicia para trabajar y para hacer grandes proyectos con impacto global”. Destaca tamén o alto nivel das charlas e a presenza de relatoras de startups galegas con proxección internacional e profesionais de empresas como Ikea, Google ou Cabify, “un auténtico orgullo”.
Este encontro é un espazo ideal para a aprendizaxe, a colaboración e o networking, onde os asistentes poden interactuar con expertos, compartir experiencias e ampliar os seus coñecementos nun ambiente dinámico e acolledor.
AtlánticaConf 2025 reforza o compromiso de Galicia co software libre, o hardware aberto e o coñecemento compartido, mostrando que a tecnoloxía galega está á vangarda e ten moito que achegar no panorama global.
Más noticias