A Cátedra Epifanio Campo da Universidade da Coruña convoca o III Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo, en homenaxe ao fundador do Grupo Rodonita, impulsor desta cátedra.
Esta nova iniciativa enmárcase no obxectivo fundamental da cátedra, constituída en 2019, que se centra no fomento da investigación, a formación e a divulgación no ámbito do medio ambiente, a sustentabilidade e a xestión de residuos. No caso deste premio, a finalidade é impulsar e poñer en valor a participación do alumnado da Universidade da Coruña no ámbito da sustentabilidade e o coidado do medio ambiente. Debe por tanto reflexarse nos traballos presentados o obxectivo fundamental da divulgación científica, que consiste en achegar un coñecemento científico concreto ao público en xeral, facéndoo comprensible para todas e todos.
Para iso, as persoas participantes deberán elaborar unha proposta multimedia (fotografía, infografía, ilustración, vídeo ou animación 2D e 3D) para a divulgación de aspectos científicos concretos relacionados coa economía circular, a auga, a enerxía e a xestión e valorización dos residuos industriais. Non se valorarán nesta convocatoria propostas relacionadas coa xestión de residuos sólidos urbanos, domésticos ou asimilables.
Estes premios están dirixidos a estudantado matriculado no curso 2024-2025 ou 2025-2026, nalgún grao, máster ou programa de doutoramento da Universidade da Coruña. Poderase participar de forma individual ou colectiva. En caso de participación grupal, todos os membros do equipo deberán cumprir os requisitos. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas solicitudes, independentemente de que sexan individuais ou grupais.
O prazo de recepción das solicitudes estenderase ata o 17 de setembro de 2025, o que permitirá aproveitar o período estival para ir preparando as súas propostas. A mellor valorada polo tribunal, que estará formado por representantes do Grupo Rodonita e da Cátedra Epifanio Campo, recibirá un premio dotado con 1.200 euros. Tamén se outorgarán tres accésits de 300 euros cada un.
Cátedra EPIFANIO CAMPO
O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, situada no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.
Bases do III Premio de Divulgación Científica Epifanio Campo