Actualidade

Arranca a quinta edición do Congreso Internacional SOCANTUR sobre Socioloxía e Antropoloxía do Turismo

12/06/2025

 

Universidade da Coruña é sede este ano da quinta edición do Congreso Internacional de Socioloxía e Antropoloxía do Turismo (SOCANTUR), que terá lugar, desde a tade do mércores 11 de xuño ata o venres día 13 de xuño na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (Paseo Ronda, 51, 15011 A Coruña). O evento está organizado polas facultades de Socioloxía e Turismo da UDC e polo Concello da Coruña, co apoio do Grupo de Estudos Territoriais (GET).

 

SOCANTUR constitúe un espazo de encontro para expertos en Socioloxía, Antropoloxía e profesionais doutras disciplinas sociais que traballan nos ámbitos académico, institucional, empresarial ou da sociedade civil organizada. O seu obxectivo principal é a xeración de sinerxías e a consolidación dun pensamento crítico e creativo sobre o turismo. Tras o seu paso por Granada (2016), Alacante (2018), La Laguna (2021) e Barcelona (2023), esta quinta edición afonda na análise interdisciplinaria dos impactos socioculturais, políticos e económicos do sector.

 

O congreso terá tamén un enfoque especial nos retos globais actuais como a transición ecolóxica, a soberanía alimentaria, a descarbonización da economía e as desigualdades sociais e de xénero, co propósito de fomentar modelos de xestión turística responsables e sostibles.

 

Un amplo programa con perspectiva multidisciplinaria

Durante os tres días que terá lugar este encontro, desenvolverase un completo programa que engloba mesas redondas temáticas, seminarios, espazos de networking e grupos de traballo que abordarán cuestións como a gobernanza turística, o patrimonio cultural, o turismo urbano, rural e espiritual, as cuestións de xénero, e as conexións entre turismo, medioambiente e sustentabilidade.

 

Entre as sesións destacadas están a conferencia inaugural, a cargo do profesor da UDC e decano da Facultade de Socioloxía Antón Álvarez Sousa, baixo o título “Crítica da teoría crítica do turismo”, así como a sesión especial “Conectando redes académicas”, dedicada á presentación de iniciativas e novos espazos para a socioloxía e a antropoloxía.

 

O xoves 12 e venres 13 sucederanse máis de dez grupos temáticos de traballo, que abordarán desde o turismo urbano, rural ou gastronómico ata o seu impacto ambiental, de xénero ou cultural, así como espazos interdisciplinares de reflexión.

 

O congreso tamén contará cun seminario específico para estudantado de doutoramento, co obxectivo de fomentar o diálogo, a colaboración activa e o intercambio de ideas entre investigadores e investigadoras emerxentes.

 

A programación completa inclúe sesións plenarias, debates, actividades paralelas e a entrega de premios a traballos fin de máster e teses de doutoramento, que culminarán coa clausura do evento o venres día 13.

 

Toda a información e o programa completo poden consultarse na web oficial do congreso: https://socantur.com (FacebookInstagramX).