Actualidade

UDC, Vegalsa-Eroski e Fundación Eroski impulsan a Cátedra de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa

11/06/2025

 

Así o ratificaron o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González Márquez e o director da Fundación Eroski, Alejandro Martínez Berriochoa, tras a renovación do convenio de colaboración que materializa esta alianza. O obxectivo é sumar forzas para continuar traballando a favor dunha comunicación nas organizacións comprometida e con conciencia a través de dúas liñas fundamentais: a comunicación para a promoción de hábitos de vida saudables e a comunicación a favor do coidado da contorna.

 

A Universidade da Coruña (UDC) e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski renovaron hoxe o seu convenio de colaboración para seguir impulsando conxuntamente a Cátedra Universitaria de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa, posta en marcha hai catro anos e dirixida á formación, investigación, divulgación e transferencia de coñecementos neste contexto de interese común para ambas as institucións.

 

A principal novidade nesta renovación é a participación da Fundación Eroski, entidade pertencente a Grupo Eroski, que se suma a esta cátedra universitaria co obxectivo de fortalecer e dar continuidade a este proxecto que se atopa aliñado cos valores que promove: a promoción dos hábitos de vida saudables, a formación ao consumidor, a defensa do medio ambiente e a solidariedade. A cátedra continuará baixo a dirección da profesora Titular do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación, da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade, e coordinadora do Grupo de Investigación Cultura e Comunicación Interactiva, Carmen Costa-Sánchez, e estará adscrita á Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia da devandita universidade.

 

A Reitoría acolleu esta mañá o acto de firma entre as tres entidades, coa participación do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; da directora de Comunicación e Sostibilidade de Vegalsa-Eroski, Gabriela González; e do director de Fundación Eroski, Alejandro Martínez Berriochoa.

 

Na súa intervención, a directora de Sustentabilidade e Comunicación de Vegalsa-Eroski puxo en valor o traballo realizado no marco desta cátedra no últimos catro anos “e que nos axudou a xerar unha visión integral sobre a importancia da comunicación con conciencia e honestidade nas compañías, co foco na sustentabilidade e a importancia das alianzas” ademais de indicar que “desde Vegalsa-Eroski estamos moi satisfeitos coas accións levadas a cabo ata a data no marco desta colaboración e que terán continuidade coa renovación do convenio que hoxe asinamos, contando con Fundación Eroski”.

 

Pola súa banda, o director da Fundación Eroski valorou “moi positivamente esta alianza, que vai permitir a difusión de información solvente sobre nutrición e vida saudable para a cidadanía, nun contexto como o actual, onde proliferan as informacións nesgadas e carentes de base científica. Trátase dunha alianza que robustece as capacidades de todas as partes en beneficio dos cidadáns, e esa é unha moi boa noticia para todos.”

 

O reitor da UDC destacou a importancia da alianza universidade-empresa, “unha liña en cuxo afianzamento estamos a traballar, a través de iniciativas como UDC Conecta, coa que buscamos estar en contacto permanente co tecido empresarial de modo que poidamos achegar solucións para o desenvolvemento económico e social”.

 

Comunicación con conciencia, responsabilidad e valores

A cátedra UDC Vegalsa-Eroski de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu en xullo de 2021 co obxectivo de traballar a favor dunha comunicación nas organizacións comprometida e con conciencia, que axudase á sociedade en dúas liñas fundamentais: a comunicación para a saúde e a comunicación a favor do coidado da contorna.

 

Durante estes catro anos de existencia, a cátedra facilitou á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible. Para logralo, as accións levadas a cabo centráronse en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, para as que a compañía de distribución alimentaria veu achegando unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución, importe que se manterá no próximo curso 2025-2026 coa contribución da Fundación Eroski na dotación de fondos.

 

Entre a trintena de actividades levadas a cabo no marco da cátedra durante este tempo, atópanse xornadas de divulgación como a Xornada de Divulgación Social “Comunicar é Saúde”, ciclos de conferencias como COMversaciones e iniciativas de colaboración con Espazo Compartido, achegando esforzos para a integración das persoas con discapacidade cognitiva. Tamén se crearon os premios aos mellores Traballos de Fin de Máster (TFM) en criterios ASG e propósito corporativo e os premios aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) de temática galega nos Graos de Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos, cos que se recoñecen anualmente as investigacións realizadas polo alumnado. Do mesmo xeito, impulsouse a edición da colección “Comunicación e Axenda 2030”, en colaboración coa editorial UOC, para a elaboración de 17 títulos que analizan cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o papel que xoga a comunicación para a súa consecución. O primeiro número desta colección xa está dispoñible baixo o título “Cara á igualdade de xéneros. Comunicación para o empoderamento feminino”.

 

Sobre Vegalsa-Eroski

Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 287 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e Gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.

 

Sobre Fundación Eroski

A Fundación Eroski, proxecto social do Grupo Eroski, traballa, desde 1997, para mellorar a calidade de vida dos consumidores a través do fomento de hábitos de vida saudable e sostible, para impulsar esta mellora a través de actividades informativas, formativas e participativas, desenvolver proxectos solidarios e transformando en consecuencia a sociedade da que formamos parte.

 

Sobre a Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña ofrece máis de 40 graos e 50 másters en diferentes centros situados nos campus da Coruña e Ferrol. Actualmente, conta con máis de 17.000 estudantes de grao, máster e doutoramento.