Actualidade

O Concello de Zas acollerá un simposio sobre o liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras na Costa da Morte

23/05/2025

 

O Concello de Zas e o Consello da Cultura Galega organizan, en colaboración coa Universidade da Coruña e baixo a coordinación de Jorge Mira Pérez, membro do plenario do Consello da Cultura Galega, o simposio "O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras: estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte", de acceso libre ata completar aforo do local. A xornada, terá lugar o sábado 31 de maio a partir las 11:00 no Centro Sociocultural do Concello de Zas (Rúa Progreso, s/n, 15850 Zas, A Coruña). Para asistir a xornada inscríbete a través do seguinte enlace ata o xoves 29 de maio de 2025 ás 23:59h.

 

O liño foi desde antigo unha das bases da industria téxtil galega. Logo dunha etapa de esplendor entre finais do século XVIII e comezos do XIX, a súa vitalidade acabou esmorecendo. No contexto da Costa da Morte mantívose algo máis e, de feito, nos últimos tempos prendeu unha iniciativa a prol do seu cultivo e a recuperación das técnicas téxtiles populares.

 

A xornada pretende sondar se sobre esta industria téxtil tradicional é posible comezar unha estratexia de impulso socioeconómico na Costa da Morte, partindo desa reintrodución do cultivo do liño e identificando e fomentando oportunidades de valor económico e social mediante un programa de formación, emprendemento e aceleración de proxectos.

 

Esta estratexia comportaría un esforzo integral para revitalizar as comarcas da Costa da Morte e estaría baseada na especialización intelixente e as iniciativas emprendedoras transformadoras, combinando a análise de mercado, a formación e a incubación de empresas sostibles. Nun horizonte desexable, cunha avaliación e selección rigorosas en cada etapa, o proxecto aspiraría a asegurar un impacto positivo e duradeiro na economía e o tecido social de toda a bisbarra.