Actualidade

A UDC asina un convenio coa Conselleira do Mar para colaborar en actividades de investigación dirixidas a mellorar o crecemento de especies acuáticas

21/05/2025

 

A Consellería do Mar da Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña asinaron en abril de 2025 un convenio para contribuír ó estudo de métodos sostibles para aumentar o asentamento, a supervivencia e o crecemento do mexillón, en concreto, estudar o efecto potencial de tecnoloxía específica no aumento da produtividade da acuicultura do mexillón en Galicia. A actividade foi financiada polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Consellería do Mar, a través do proxecto para o estudo da mellora do crecemento de especies de acuicultura-Biorock.


Os traballos, liderados polo investigador do CICA e membro activo do grupo de investigación en bioloxía evolutiva (GIBE) da UDC, Antón Vila Sanjurjo, levaranse a cabo mediante a aplicación de tecnoloxía específica en piscinas de auga mariña para mellorar o asentamento e aumentar as taxas de crecemento do mexillón (tecnoloxía Biorock). A colaboración estará vixente ata novembro de 2025 e conta con preto de 72.000 euros.


Tecnoloxía «BIOROCK»
A tecnoloxía de rexeneración mariña “Biorock” baséase en arrecifes artificiais alimentados por correntes eléctricas e mostrou resultados prometedores como alternativa de restauración de ecosistemas de especies bio-enxeñeiras. O seu funcionamento baséase no feito de que toda a vida xera electricidade e, por tanto, é a electricidade un medio que pode axudar a rexenerar vida. A tecnoloxía de rexeneración mariña “Biorock” posúe calidades que proporcionan unha condición favorable para o asentamento e rápido crecemento en escenarios de presenza de estrés ambiental severo.