ALDABA-TIC Camp, o campamento tecnolóxico de verán na UDC, prepárase para unha nova edición. Nenas e nenos nadas/os entre os anos 2013 e 2019 uniranse cunha misión: “Salvar a Terra”. O obxectivo desta iniciativa é fomentar as vocacións tecnolóxicas en idades temperás, especialmente entre as nenas, e facilitar o desenvolvemento das habilidades técnicas, propias do mundo TIC, de forma amena. Este ano as/os participantes aprenderán, xogando, sobre adestramento con drons, intelixencia artificial, domótica, programación de robots etc. Todo iso ambientado nunha misión para protexer o medioambiente e conseguir salvar o planeta Terra.
O Camp, organizado pola Cátedra ALDABA WIB, responde a un dos seus principais obxectivos: contribuir á igualdade de xénero nas titulacións TIC. Por iso, neste campamento dase prioridade ás nenas, con reserva dun 80% das prazas para elas. Segundo os datos lanzados polo BBG-TIC (Barómetro da Brecha de Xénero nos estudos TIC) – unha ferramenta web gratuíta (https://wib.aldaba.es/bbg-tic), desenvolta pola Cátedra ALDABA-WIB, que incorpora os novos datos de matriculación, resultados académicos, etc. do Grao de Enxeñería Informática na Coruña e Ourense – a porcentaxe de mulleres que elixen esta titulación está en torno ao 16%. Estas cifras melloran no caso dos Graos, de recente creación, de Ciencia e Enxeñería de Datos e de Intelixencia Artificial, pero seguen lonxe do que a sociedade necesita para beneficiarse do talento que achegan as mulleres no ámbito TIC.
Na Coruña, o campamento realizarase na Facultade de Informática da Universidade da Coruña en dúas quendas: o primeiro será do 23 ao 27 de xuño de 2025 (salvo o día 24, que é festivo) e o segundo do 30 de xuño ao 4 de xullo (30 prazas por quenda). O horario será de 9:00 a 14:00, con servizos opcionais de madrugadores (8:00 a 9:00) e comedor (14:00 a 15:00).
En Ourense, o campamento realizarase na Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense na semana do 23 ao 27 de xuño de 2025. O horario será de 9:00 a 14:00, con servizos opcionais de madrugadores (8:00 a 9:00) e comedor (14:00 a 15:00).
A inscrición ao Camp estará aberta do 19 ao 25 de maio e poderá realizarse en liña a través da web https://tic-camp.wib.aldaba.es.