A Universidade da Coruña, a través do grupo de investigación en bioloxía evolutiva (GIBE), colabora no proxecto COSECHA II, impulsado por Cosecha de Galicia, no marco do proxecto de recuperación do lúpulo galego por parte de Corporación Hijos de Rivera, para a innovación no estudo da diversidade xenética de poboacións silvestres de lúpulo de Galicia co obxectivo de preservar a biodiversidade e asegurar a sustentabilidade desta especie valiosa para a industria cervexeira. Os traballos, iniciados en xaneiro de 2025 baixo a dirección de Manuel Pimentel Pereira, céntranse na caracterización molecular (prospección, recolección e análise da diversidade xenética) de mostras silvestres de lúpulo (Humulus lupulus L.) de Galicia ata abril de 2026.