Actualidade

Investigadoras e tecnólogas do Campus Industrial de Ferrol da UDC súmanse ao proxecto Biblioteca Humana

13/03/2025

 

O Concello de Ferrol acolleu o 21 de febreiro unha iniciativa de divulgación científica que ten por título "Biblioteca humana: coñece ás investigadoras e tecnólogas que traballan en Ferrolterra", no que participaron o colectivo de mulleres integrado por Lucía Santiago Caamaño, coordinadora da actividade e doutora pola Universidade da Coruña  –UDC– no programa de Enxeñaría Naval e Industrial; María Jesús Movilla Fernández, doutora pola UDC en Ciencias Sociosanitarias; Asunción López Arranz, doutora en Dereito; Ana Ares Pernas, doutora pola UDC en Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros; Laura Castro Santos, doutora pola UDC en Enxeñaría Naval e Industrial; Laura Alonso García, enxeñeira naval e oceánica pola UDC e Ana Jesús López Díaz, doutora en Física. 

 

Romper estereotipos, este é obxectivo co que nacían, no ano 2000 e no marco dun festival de música en Copenhague, as Bibliotecas Humanas. O xornalista e activista Ronni Abergel, o seu irmán Dany e os seus amigos Asma Mouna e Christoffer Erichsen idearon un novo concepto, hoxe estendido a máis de 80 países de todo o mundo, no que se cambiaban os libros por persoas e estas contaban as súas vivencias e experiencias de xeito totalmente desinteresado. Este proxecto internacional chega a cidade departamental da man da Asociación de Mulleres e Tecnólogas en Galicia (AMITGAL) en colaboración co Concello de Ferrol e máis coa Universidade da Coruña (UDC).