Actualidade

A UIICF da UDC conta con preto de 250.000 € para o asesoramento, avaliación e coidado terapeútico de menores en 2020

09/11/2020

 

A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) da Universidade da Coruña rexistrou durante o segundo trimestre de 2020 un total de 215 derivacións das catro provincias galegas que se deron de alta no programa de avaliación e tratamento terapéutico de menores en situación de risco ou desamparo. Tratase do 74% dos 290 casos estimados na iniciativa que dirixe o profesor da Universidade da Coruña, Valentín Escudero.


O programa, froito dun convenio entre a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña, foi renovado para o ano 2020 por un total de 235.019 euros e xa se traballa na prórroga de cara a 2021. Está dirixido a mozos con expedientes abertos polo Servizo de Protección de Menores que mostran desaxustes emocionais e conductuais severos, ben sexan fruto de situacións de desprotección ou maltrato, de adversidades asociadas a separacións familiares ou de dificultades na convivencia dentro da súa familia de orixe. 


Impacto psicolóxico da COVID19
A situación sociosanitaria xerada pola COVID19, así como as medidas restrictivas asociadas á mesma, puxeron sobre a mesa novas necesidades tanto por parte das familias coma dos profesionais vinculados ao programa. Neste sentido, ao convenio hai que unir un segundo acordo en materia de “asesoramento durante a COVID19 para a atención psicolóxica a profesionais, menores e familias no contexto do sistema de protección á infancia”.

Este convenio de carácter específico conta cun orzamento de 14.800 euros a executar ata o 31 de decembro de 2020.