Actualidade

Nace a Cátedra Resonac-UDC Sparking Truth co obxectivo de fomentar a investigación en aplicacións relacionadas coa enerxía

15/11/2024

 

A Universidade da Coruña e a empresa Resonac Graphite Spain S.A.U. presentaron o 23 de setembro unha nova cátedra universidade empresa, a Cátedra UDC-Resonac Sparking Truth. O reitor da Universidade da Coruña Ricardo Cao, e o presidente e CEO de Resonac Graphite Business Unit, César Castiñeira, asinaron o convenio de colaboración para a súa creación.

 

Un dos principais retos desta cátedra é a creación do Laboratorio de Investigación en Sistemas de Transición Enerxética, LISTE-Resonac, así como o desenvolvemento doutras actividades de investigación, formación, divulgación e transferencia de coñecemento.

 

Laboratorio e Cátedra estarán dirixidas polo investigador Israel Temprano, licenciado en Química pola Universidade da Coruña, doutor en Química pola Universidade Laval de Québec (Canadá) e que conta cunha dilatada traxectoria na Universidade de Cambridge, Reino Unido. Desde o ano pasado Temprano forma parte do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña (CICA), ao que se incorporou a través da axuda Beatriz Galindo para a atracción do talento investigador do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

 

Este laboratorio terá o obxectivo de desenvolver novos materiais para aplicacións relacionadas coa enerxía. Así, centrarase non procesos electroquímicos para a implantación de tecnoloxías que utilizan fontes renovables para a súa xeración (fotovoltaica), almacenamento (baterías e supercondensadores) e transformación (captura de carbono e xeración de hidróxeno).

 

Parte do reto consistirá en investigar os diferentes tipos de baterías para melloralas, poder ampliar a súa capacidade de almacenaxe de enerxía e reducir o seu impacto ambiental.

 

As cátedras universidade-empresa

As cátedras son un instrumento de transferencia de coñecemento de gran importancia para a UDC. Na actualidade, existen ao redor de 30 cátedras activas en diversas áreas de coñecemento. Delas, un 66% corresponden ás áreas de Ciencias Sociais, Arquitectura e Enxeñaría, sendo as outras dos campos de Humanidades, Ciencias e Ciencias da Saúde.

 

Este formato de colaboración está a xerar un importante espazo de alianza entre universidade e empresa, e un dos mecanismos máis axeitados para canalizar iniciativas conxuntas, de aí o seu crecemento nos últimos anos.