A Cátedra Epifanio Campo continúa realizando accións formativas na área do tratamento de residuos. Así, esta semana organizou unha visita ás instalacións de PMA (Proteción Medio Ambiental) na que participaron alumnos da materia de Enxeñaría Ambiental, que se imparte no segundo curso dos graos de Enxeñaría Mecánica e en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol. A actividade desenvolveuse nunha planta que forma parte do grupo de empresas Rodonita Medio Ambiente, promotores da Cátedra Epifanio Campo.
En meses pasados xa organizaron unha nova edición do Curso de xestor de residuos na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e no Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG) das Somozas. Esta semana os estudantes comprobaron como se vai actualizando o sistema de tratamento de residuos de acordo aos novos procesos e normativas.«Tanto os docentes como o alumnado destacaron a importancia de coñecer de primeira man o labor que se desenvolve nun eido como a xestión de residuos procedentes do sector industrial ou a automoción, xa que constitúe un dos piares fundamentais da economía circular», precisan os responsables de entidade.
«Nova perspectiva»
Pola súa banda, a directora da Cátedra Epifanio Campo é Paz Mateo e incide en que «resulta moi interesante escoitar as valoracións dos estudantes que visitan as empresas dedicadas a este sector, porque ofrece unha nova perspectiva que lles será de gran utilidade nos seus estudos e, incluso nalgúns casos, contribuír a que os futuros graduados estuden a posibilidade de especializarse en economía circular e máis concretamente en xestión de residuos industriais, dado o importante papel que ten esta profesión no actual contexto industrial».
Esta actividade forma parte da programación da Cátedra, constituída o 14 de novembro do 2019. Foi entón cando a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita asinaron un convenio de colaboración para desenvolver actividades que están adscritas á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
O pasado mes de xullo clausurouse un curso de xestor que é, precisamente, unha das apostas formativas que seguirán fomentando no camiño do denominado emprego verde. Fontes da Cátedra resaltan que é unha das profesións con mellores perspectivas de futuro, con saídas laborais que inclúen desde a recollida e transporte ata o almacenamento, tratamento especializado, valorización ou eliminación dos diferentes residuos industriais.