Durante estes días, reúnense na Coruña preto de 50 participantes do proxecto, procedentes de cinco países mediterráneos, na KICK-OFF Meeting que arrincou onte na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da UDC.
O proxecto, financiado polo programa Horizonte Europa, combina innovacións científicas, tecnolóxicas, sociais e empresariais de primeira liña, así como solucións transformadoras. Centrarase no desenvolvemento, as probas e a demostración de solucións baseadas na natureza (SBN) en cinco rexións de demostración, entre elas Andalucía e Estremadura (España), o Alentejo (Portugal), Sardeña (Italia) e Etolia-Acarnania (Grecia). As SBN máis prometedoras transferiranse a estas 3 rexións replicadoras: Castela e León (España), Occitania (Francia) e a Toscana (Italia). Ademais, DRYAD apoiará unha gobernanza de xestión integrada mediante o desenvolvemento de sistemas de apoio á toma de decisións.
Un consorcio multidisciplinar
No consorcio participan 27 organizacións asociadas: nove entidades de investigación (UDC, UT, UCO, UNISS, CNR, UEX, AUA, IST-IDE, ISA) de cinco países, tres entidades de apoio técnico e científico (Fondazione CMCC, IFAPA, LNEG), oito fundacións e asociacións (FEUGA, UNAC, CONFAGRICOLTURA, FEDEHESA, Alberitalia, AGROOF, FPNCYL, COVAP), catro autoridades rexionais e locais (CAPADR, AG-Forestas, DX, CCDRA) e tres pequenas e medianas empresas (FSC Italia, Lezirias, ICATALIST).