Actualidade

A Universidade da Coruña e a Fundación CEPAIM impulsan proxectos sobre migración e desenvolvemento

23/09/2024

 

O grupo de investigación Equipo Sociedades en Movemento (ESOMI) da Universidade da Coruña (UDC), liderado pola profesora de Socioloxía Laura Oso Casas, leva oito meses, desde abril de 2024, colaborando nun proxecto para o estudo das desigualdades sociais desde un enfoque interseccional, desenvolto no marco do proxecto “Cruce de camiños: Espazos rurais de diálogo intercultural” xunto coa Fundación Cepaim. 


A finalidade deste proxecto é xerar coñecemento ante situacións e actitudes de discriminación racial e xenófoba ou outro tipo de discriminación que afecte a persoas migrantes que viven en núcleos rurais e áreas despoboadas, deseñando e implementando solucións novas para a mellora dos sistemas de intervención, e conta cun orzamento estimado de 37.000 euros. 


Este proxecto piloto aspira a transformar contornas rurais en espazos inclusivos e libres de discriminación, mediante un enfoque participativo e unha visión integral dos desafíos e oportunidades. Conta coa colaboración do Programa de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza; Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións co cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+).