A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC lanza a que é xa a terceira edición do premio mellor Traballo Fin de Mestrado en base a criterios ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) e propósito corporativo. Un premio ao que poderán optar todas aquelas persoas tituladas que defendesen o seu Traballo Fin de Máster en calquera das universidades galegas (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo) durante os anos 2023/2024 cunha cualificación de sobresaliente.
Outorgaranse dous premios, un dotado con 1.500 euros para a persoa autora do Traballo Fin de Máster que resulte gañador, e un segundo premio, dotado con 500 euros.
As persoas interesadas en presentar a súa candidatura poderán facelo ata o 10 de xaneiro de 2025(prazo ampliado) a través do formulario electrónico establecido pola Cátedra ao que se poderá acceder a través desta ligazón. A documentación para achegar inclúe un resumo do seu Traballo Fin de Máster dun máximo de cinco caras, o seu currículo vitae e o documento xustificativo de ser estudante nalgún máster dalgunha das tres universidades galegas.
Fallo do xurado
As solicitudes presentadas avaliaranse de xaneiro a marzo de 2025, seleccionándose catro candidaturas finalistas ás que se lles solicitará o traballo completo para a decisión final.
O xurado estará composto por membros da Comisión de seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC; pola propia directora da Cátedra, Carmen Costa, e por tres expertos das outras Universidades galegas e do ámbito da consultoría. O fallo do xurado farase público a finais do segundo cuadrimestre do curso 2024/2025
Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.
A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible. Para logralo priorizaranse as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 286 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e Gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.