Actualidade

A Cátedra Greenalia-UDC convoca os II premios 'Galicia Renovable' para a alumnado do Sistema Universitario Galego

06/06/2024

 

A cátedra Greenalia-UDC convoca, dentro do seu Plan anual de actividades, os premios Galicia Renovable. Uns galardóns que, nesta II edición, pretenden poñer en valor proxectos, propostas, análises ou deseños que desenvolvan directa ou indirectamente eixos temáticos relacionados cos obxectivos da Cátedra Greenalia-UDC para a transición enerxética. 

 

Coa posta en marcha da II convocatoria destes  premios, dáse un paso máis desde o espazo da cátedra para continuar visibilizando as distintas perspectivas da transición enerxética e o seu impacto en Galicia, así como as oportunidades que se abren nesta etapa.  

 

Así, establécense principalmente as seguintes liñas de traballo: Galicia como rexión enerxética; o seu papel como consumidora, transformadora e xeradora de enerxía; o impacto do cambio climático no desenvolvemento económico e social desta comunidade; solucións de eficiencia enerxética nos distintos ámbitos; xestión dos riscos asociados á actividade enerxética; definición e tratamento dos riscos empresariais relacionados co consumo enerxético e solucións paisaxísticas das distintas infraestruturas enerxéticas. 

 

Poderá participar o alumnado dunha titulación de grao ou máster de calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, que presenten o seu traballo de fin de Grao (TFG) ou de fin de Máster (TFM) entre o 27 de setembro de 2023 e o 20 de setembro de 2024.

 

Establecéronse dúas categorías: Para os traballos TFM, cun galardón dotado de 1.200 euros. Para os TFG, outorgaranse 2 premios. O primeiro, dotado de 1.000 euros e o pago da matrícula dun curso académico nun dos Máster que oferte a UDC para o seguinte curso e, o segundo premio, dotado de 750 euros ao que se suma tamén o abono de matrícula.

 

As persoas interesadas en presentar a súa candidatura poderán facelo a través do formulario electrónico establecido nas bases ou través da Web da Cátedra de Transición Enerxética. 
https://www.fundacion.udc.es/catedragreenaliatransicionenergetica/ antes do 31 de xullo de 2024 (ampliado o prazo de inscrición ata o 20 de setembro de 2024) ou a través da seguinte ligazón (pica aquí).

 

Consulta aquí as bases da convocatoria (pica aquí).
    
Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos na CCAA de Galicia. 

 

A estes obxectivos súmase un fundamental para ambas as entidades: o impulso para crear novo talento nestas materias, pois o emprego verde precisará cada vez máis, de máis e mellores especialistas. Para iso, a produtora de renovables con sede na Coruña financia as distintas actividades que se planifiquen anualmente no marco desta Cátedra que terá unha duración prevista de 4 anos.  

 

A cátedra está dirixida por Fernando de Llano, doutor Internacional en Economía pola UDC e profesor e investigador do Departamento de Empresa da Universidade da Coruña. É coordinador do Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas da UDC, e membro do Foro Enerxético de Galicia.