Actualidade

A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC fixo entrega dos premios aos mellores Traballos de Fin de Máster (TFM) en criterios ASG e propósito corporativo

04/06/2024

 

A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa fixo entrega esta mañá no Reitorado da Universidade da Coruña dos premios aos mellores Traballos de Fin de Máster (TFM) en criterios ASG e propósito corporativo. O primeiro deles foi para a proposta de integración de estándares de reportes “ESG” para empresas europeas, de Martín Díaz Rossi, da Universidade de Vigo. O segundo premio recaeu na proposta de unidade didáctica competencial, “¿es el suelo un ecosistema?”, dirixida ao alumnado de segundo de bacharelato da materia “Ciencias da Terra e o medio ambiente” (CTMA), de Juan Pinto Logo, da Universidade da Coruña. 


Durante a defensa dos traballos e entrega de premios estiveron presentes a directora da Cátedra, Carmen Costa; o vicerreitor de Investigación e Transferencia na UDC, Jerónimo Puertas; a vicerreitora de Responsabilidade Social na UDC, Ana Ares e a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.


“Estes premios permiten poñer en valor o traballo realizado polos alumnos galegos en materia de sostibilidade, tan importante para construír o futuro máis inmediato”, sinalou Gabriela González. Ademais, na súa intervención destacou que esta segunda edición supón a consolidación dos premios da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC que xurdiron para promover o coñecemento en materia de sostibilidade e responsabilidade social presente e futura, ligando a actividade organizacional ao beneficio do conxunto da sociedade e da súa contorna.


Pola súa banda a directora da Cátedra, Carmen Costa, destacou “o alto nivel de todos os traballos presentados, contribuíndo esta iniciativa ao camiño do compromiso social cara ás transformacións acordadas na Axenda 2030”.

 

Ao certame presentáronse un total de 23 traballos fin de máster, todos eles realizados por estudantes de universidades públicas galegas durante os anos 2022 e 2023, cualificados con sobresaliente e centrados en temas relacionados cos criterios ASG -Ambientais, Sociais e de Gobernanza-.
 
Xurado y dotación económica
O xurado do II Premio Cátedra Vegalsa-Eroski UDC ao mellor Traballo de Fin de Máster (TFM) estivo composto por membros da Comisión de seguimento da Cátedra Vegalsa-Eroski UDC; pola propia directora da Cátedra, Carmen Costa, e por tres expertos das outras Universidades galegas e do ámbito da consultoría. O primeiro premio está dotado con 1.500 euros e o segundo, con 500 euros. Ademais, farase unha entrega de diplomas aos finalistas. 


Unha ferramenta integrada e unha unidade didáctica, as propostas gañadoras
“Propuesta de Integración de estándares de reportes “ESG” para empresas europeas”, é o título do traballo recoñecido co primeiro premio. Este traballo busca achegar ás compañías unha ferramenta integrada que incorpore os distintos estándares coñecidos ante a gran variedade de fontes bibliográficas e institucións que marcan como comunicar e o contexto regulatorio da Unión Europea que tentou sentar as bases para homoxeneizar o contido non financeiro a reportar.


Desta maneira, os usuarios da devandita ferramenta poden realizar nunha soa tarefa, o cumprimento de múltiples estándares sen a necesidade de duplicar información ou desperdiciar tempo na comprensión de distintos contidos que esixen o mesmo.

 


O segundo premio achega unha proposta de unidade didáctica competencial para o ensino e a aprendizaxe dos ecosistemas para partir do estudo do estrato edáfico, dirixida a alumnado de 2º de bacharelato da materia “Ciencias da Terra e o medio ambiente” (CTMA). Esta unidade didáctica busca construír un modelo de ecosistema que permita ao alumnado explicar e predicir o funcionamento dos ecosistemas, ademais de aproximar a ciencia dos científicos á ciencia escolar. A través desta unidade didáctica búscase tamén incorporar o uso responsable das TIC e, en especial, dos teléfonos móbiles aos procesos educativos no ámbito das ciencias experimentais, xa que o desenvolvemento da ciencia é inseparable da tecnoloxía.

 


Sobre a Cátedra Vegalsa-Eroski UDC
A Cátedra Vegalsa-Eroski UDC de Compromiso Social, Comunicación e Reputación Corporativa naceu co obxectivo de contribuír ao benestar e á mellora da nosa sociedade a través de actividades de educación e divulgación, de investigación e de aplicación do coñecemento.
A idea é poder facilitar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión integral sobre a importancia da comunicación á hora de impulsar hábitos de vida saudables e conciencia ambiental, favorecendo á súa vez un consumo consciente e sostible.  Para logralo priorizaranse as accións en catro liñas de actuación fundamentais: investigación, transferencia, formación e accións de tipo relacional e de proxección social, achegando Vegalsa-Eroski unha dotación anual de 20.000 euros para a súa consecución. 

 

Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 285 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais Hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski/City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.