Actualidade

A cátedra Greenalia-UDC para a transición enerxética organiza un foro sobre novos empregos dentro do sector enerxético

06/03/2024

 

Baixo o título “Perfís profesionais na cadea de valor da Enerxía”, a Cátedra Greenalia UDC para a Transición Enerxética organiza un foro sobre os retos da transición enerxética e os novos perfís académicos que serán necesarios para abordar os cambios que se producirán nos próximos anos dentro da cadea de valor do sector enerxético. 

 

O foro, aberto, especialmente para o alumnado universitario, terá lugar o vindeiro martes 12 de marzo a partir das 11 horas no Salón de Actos do Campus Industrial UDC de Esteiro (Ferrol). Inscríbete aquí.

 

O obxectivo central da xornada é poñer sobre a mesa as principais demandas do sector na captación de talento no ámbito enerxético. Nun contexto de desenvolvemento global das diferentes tecnoloxías de renovables, prevese un importante nicho de mercado en novas cualificacións industriais. Un crecemento que se estima tanto por parte dos promotores e tecnólogos como por parte de moitas outras empresas que forman parte da cadea de valor (desde montaxes, loxística, deseño…) onde os compoñentes de innovación tecnolóxica e dixitalización xogan un papel destacado.

 

Tras as intervencións de apertura por parte da vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Isabel Ares Pernas; do director do Campus, Marcos Míguez e a CSO de Greenalia, Beatriz Mato, terá lugar a mesa de debate con empresas do sector, onde cada un deles expoñerá as necesidades nas diferentes áreas industriais relacionadas coa enerxía e a súa incidencia en Galicia. Fernando de Llano, director da cátedra, será o encargado de moderar a mesa.

 

Nese coloquio estarán, Lisa Castedo, responsable de persoas de Nervión Naval Offshore/Grupo AMPER, Sergio Rodríguez, CEO de SERTOGAL, Rosario López, responsable de Formación de ASIME e Gonzalo Castañeira, CHRO de Greenalia. Podes dirixir preguntas aos relatores a través do seguinte cuestionario neste enlace ou lendo o seguinte código QR

 

Toda a información do programa e inscrición pódese consultar aquí: https://www.fundacion.udc.es/CatedraGreenaliaTransicionEnergetica/

 

Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos na CCAA de Galicia.