Actualidade

A Cátedra Greenalia-UDC aborda unha investigación sobre a integración paisaxística de instalacións eólicas en Galicia

22/02/2024

 

A cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética abordará nos próximos meses un estudo en profundidade ao redor da integración paisaxística dos parques eólicos en Galicia. Os investigadores da UDC, Carlos Nárdiz Ortiz e Óscar Cabeza Gras son os coordinadores do estudo.

 

Unha vez finalizada a primeira fase deste proxecto, realizada no último semestre e que poderiamos definir como o diagnóstico de situación, co estudo da normativa existente e de múltiples resolucións de DIA, conclúese que dita integración é un concepto sobre o cal existe moita lexislación, documentación e numerosas publicacións científicas. Con todo, non hai uns parámetros pechados e obxectivos que permitan ditaminar esa integración. De feito, unha das maiores complexidades radica en que os criterios utilizados ata o momento inclúen factores arbitrarios baseados en moi diferentes indicadores e quizá moi restritivos nalgúns casos. 

 

Partindo pois da premisa de que son moitas as formas de avaliar a potencial alteración da calidade da paisaxe á hora de instalar un parque eólico, o obxectivo final deste proxecto é escoller as solucións máis adecuadas á realidade galega, respectando o espírito da lexislación vixente. Todo iso, co reto de establecer uns parámetros obxectivos que permitan facer o máis transparente posible a declaración de impacto ambiental dun determinado proxecto de instalación ou repotenciación dun novo parque eólico en Galicia. 

 

A clave, en definitiva, é identificar boas prácticas na xestión paisaxística de parques eólicos e plasmalas nun documento que poida ser de utilidade para a implantación de novas instalacións, que poidan servir de recomendación para adaptarse á particularidade da paisaxe e xeografía de Lugo e A coruña. 

 

Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética. Unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos na CCAA de Galicia.