Actualidade

A UDC e a FUAC asinan un convenio coa Consellería de Mar para dar continuidade o Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030

24/01/2024

 

A Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e a Fundación da Universidade da Coruña asinaron en decembro de 2023 un convenio para o desenvolvemento das accións do Plan Cultura Marítima-Horizonte 2030, co obxectivo de dar continuidade ao Plan da Cultura Marítima Horizonte 2030, como instrumento capaz de favorecer a xestión integral, posta en valor e activación da cultura marítima de cara ao futuro.

 

A investigación está dirixida polo profesor da Univesidade da Coruña e experto na materia Óscar Fuertes, e conta co apoio dun grupo de expertos vencellados ó sector do mar e de diferentes mesas coas principais asociacións vencelladas a cultura marítima. As accións están dirixidas a continuar avanzando no obxectivo xeral de preservar e activar a cultura marítima de Galicia mediante a divulgación e aplicación do Plan da cultura marítima de Galicia.

 

O estudo pretende analizar dende unha perspectiva científico-didáctica as conexións e transferencias das comunidades do litoral galego e do seu patrimonio, que creceron mantendo en equilibrio o ecosistema costeiro tradicional, un ecosistema onde desenvolveronse actividades, oficios e modos de vida vencellados ao mar, condicionados dende o inicio polas peculiaridades xeográficas e climatolóxicas da súa localización. A colaboración estará vixente ata o 31 de decembro de 2026 e conta con preto de 100.000 euros anuais.