Actualidade

O grupo de investigación GEAMA da UDC colabora en proxectos de investigación de modelización portuaria

29/01/2024

 

O equipo de investigación, liderado polo investigador do CITEEC e membro activo do grupo de investigación GEAMA, Enrique Peña, traballa nun proxecto pioneiro no mundo, para o deseño en 3D dun modelo físico do observatorio submarino “Peiraos de Solpor”, co que se pretende potenciar a biodiversidade mediante o uso de sistemas artificiais que xeren hábitat nos portos, pero, á vez, cun obxectivo que sirva de concienciación e permita o gozar e coñecemento por parte da cidadanía.


O proxecto iniciouse en 2019 e desenvolveuse en tres fases. Na primeira fase, o proxecto PuertAIMar, o obxectivo era o deseño de estruturas que sirvan de apoio para a vida mariña e o seu propósito é a recolonización de zonas costeiras que se viron afectadas polas actividades industriais na contorna portuaria; a segunda fase, o proxecto Living Sports, deseñouse a partir dos resultados obtidos da primeira fase, contemplando o deseño e instalación de estruturas  específicas para muros e paredes portuarias facilitando a colonización de fauna e flora nos mesmos, así como o deseño e instalación de arrecifes artificiais mergullados. Actualmente estase desenvolvendo polo equipo investigador a última etapa, o proxecto “Peiraos de Solpor”, que se encargará de integrar os deseños e tecnoloxías testados nas fases anteriores, incluíndo infraestruturas de uso recreativo para a divulgación e integración de porto e a cidade nun modelo 3D. 


Deste xeito, a intención é crear unha reserva ecolóxica do Porto de Vigo que contará con arrecifes artificiais e piscinas intermareales orientadas á biodiversidade, que recrearán as condicións ambientais necesarias para a colonización de fauna e flora autóctona. Integrado con estes ecosistemas, crearase unha zona de paseo educativa para o goce da cidadanía.