Actualidade

Gciencia inclúe un artigo de investigadores da Universidade da Coruña publicado en Nature entre os dez mellores avances da ciencia galega do 2023

21/12/2023

 

O estudo "Plastic debris in lakes and reservoirs", publicado na revista Nature do mes de xullo, no que participan varios investigadores da Universidade da Coruña, vén de ser incluído por Gciencia entre os dez avances científicos máis importantes do ano 2023.

 

Os investigadores da UDC que participan no dito estudo, que ademais foi portada da revista científica, son Roberto Bao e Rafael Carballeira, do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA), Moisés Canle, do grupo Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!-PHOTO), do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA); e Jordi Delgado e José Luis Cereijo, do Grupo de Investigación en Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC).

 

O estudo analizou a presenza de microplásticos na auga de 38 lagos e encoros de 23 países. Entre eles, en Galicia analizáronse as augas de Meirama, Cecebre e Doniños, situándose os valores de microplásticos dos dous primeiros nun rango intermedio e mínimos no lago natural de Doniños. O informe revelou que nalgúns lagos rexístrase un maior nivel de contaminación que nos océanos, e que non se atopou ningún lago ou encoro sen plásticos. 

 

Le aquí a noticia completa.