Actualidade

Categorías

Grupos de investigación

Buscador

A Cátedra de Dereito Local achégase ás relacións xurídicas e os sistemas penal e administrativo de control da Administración Local

06/10/2018

 

Uns encontros con relatorios que trataron a situación das entidades locais que están baixo o foco da atención pública, por ser as máis achegadas aos cidadáns pero tamén as que teñen os problemas máis presentes: falta de persoal e ou recursos, demasiadas competencias, capturas regulatorias, corrupción…

 

Neste contexto xorden distintos sistemas de xestión destinados a garantir a súa legalidade. O deseño e eficiencia destos foi parte dos debates desenvolvidos durante estas xornadas, nas que repasarónse, actualizaronse e fixéronse visibles os problemas existentes entre as relacións xurídicas e os sistemas penal e administrativo de control da Administración Local. 

 

O primero día comezou cun relatorio sobre o control da actuación administrativa no ámbito local. Unhas cuestións xerais sobre as que falaron os Catedráticos de Dereito Penal: Norberto de la Mata Barranco,  José Luis González Chusca e Inés Olaizola Nogales das Universidades do País Vasco, Valencia e Navarra, respectivamente. Falaron, por orde de intervención, sobre: “O control da actuación administrativa no ámbito local: cuestións xerais”; “A corrupción no ámbito local: análise da prevaricación administrativa” e “A corrupción local: análise do delito de suborno”. 

 

O urbanismo e as leis

 

A continuación tratouse o control do urbanismo e a protección do medio ambiente, no que participaron o Catedrático de Dereito Administrativo, Alejandro Huergo Lora, con “Sancións e outras medidas administrativas de reacción fronte á ilegalidade urbanística e ambiental”. Posteriormente interveu Teresa Nieto Freire, arquitecta facultativa da Xunta de Galicia, que falou de “A problemática da disciplina urbanística e patrimonial en Galicia. Unha visión desde a práctica”. 

 

Este bloque pechouse coa exposición da “Corrupción e prevaricación administrativa no contexto ambiental. A complexidade de conxugar a discrecionalidade técnica cas políticas de desenvolvemento sustentable”, por parte da profesora axudante doutora de Dereito Penal da UNED, Ascensión García Ruiz.

 

A primeira xornada rematou con tres intervencións nas que se valoraba o control da contratación pública. Aquí participou o Profesor Titular de Dereito Administrativo e Secretario Xeral de UDC, Carlos Aymerich Cano con “O control da contratación pública ilícita pola xurisdición penal”. A continuación Irene Navarro Frías, profesora contratada doutora interina de Dereito Mercantil da Universidade da Laguna falou de “A responsabilidade dos administradores de sociedades mercantís públicas” e Inma Valeije Álvarez, profesora titular de Dereito Penal na UVigo relatou “O laberinto da responsabilidade penal dos entes públicos empresariais".

 

Desviacións do poder

 

No segundo día das xornadas tratáronse as falsedades e desviacións de poder no ámbito local coa intervención de María Acale Sánchez, Eva María Souto García e Alejandro de Pablo Serrano.


Así, a primeria, catedrática de Dereito Penal da Universidad de Cádiz centrouse na “Corrupción urbanística o ámbito municipal”. A continuación a Profesora Contratada Doutora Interina de Dereito Penal da UDC falou sobre “O delito de fraude de subvencións: algunhas cuestións problemáticas”. Este bloque pechouno o investigador Posdoutoral Juan de la Cierva, do Instituto de Derecho Penal Europeo e Internacional da Universidad de Castilla La Mancha falando de “Corrupción medioambiental a cargo de empresas multinacionais”.

 

As xornadas remataron analizando as consecuencias xurídicas dos delitos e infraccións en torno ás que Luz Maria Puente Alba, Profesora Titular de Dereito Penal da UDC falou sobre “A función das inhabilitacións no marco dos delitos de corrupción”. Posteriormente interveu Ana María Neira Pena, profesora axudante doctora de Dereito Procesual da UDC con “Public compliance. A prevención da corrupción na Administración pública”. 


Finalmente participou o fiscal Antonio Roma Valdés, centrouse no tema de “Os decomisos ampliados e a súa persecución internacional”. 

 

Coa participación de todos os especialistas do Dereito Penal e Administrativo analizouse o estado de actuación das entidades locais, en especial no relativo á contratación, urbanismo e protección do medio ambiente ou fraude de subvencións.

 

PROGRAMA COMPLETO