Actualidade

A Cátedra Epifanio Campo galardoa as mellores propostas do seu Segundo Premio de Investigación para impulsar a investigación e valorización dos residuos industriais

01/12/2023

 

A Cátedra Epifanio Campo celebrou onte o acto de entrega do Segundo Premio Epifanio Campo de Investigación no Parador de Turismo de Ferrol. O acto contou coa presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana; o reitor da UDC, Julio Abalde; o conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo; e a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo; ademais do director xeral do grupo Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero; e distintos representantes de institucións, empresa e eido universitario.

 

O obxectivo principal deste galardón é promover a investigación e o coñecemento no ámbito da economía circular dentro do colectivo universitario, e en especial no eido da economía circular, da que o fundador do grupo Rodonita, Epifanio Campo, foi un pioneiro no ámbito empresarial galego.


Ao comezo da xornada, a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, agradeceu a presencia no acto do alcalde de Ferrol e da conselleira de Economía, Industria e Innovación, e señalou a importancia desta cátedra e destes premios para continuar no camiño innovador e comprometido coa economía circular e a xestión ambiental. O primeiro premio, dotado con 6.000 euros, foi concedido ao traballo titulado “IWABIMIX” (Industrial Wastes in Bituminous Mixes). Foi desenvolvido nos laboratorios de Camiños e o CITEEC, ambos no campus da Universidade da Coruña, polo Grupo CGM (Carreteras, Geotecnia y Materiales), liderado polo doutor Ignacio Pérez. O traballo plantexa unha investigación sobre a posibilidade de utilizar diversos tipos de residuos industriais como materia prima alternativa na fabricación de materiais para a pavimentación de estradas e outras infraestruturas.

 

Na mesma liña sitúase o segundo premio, dotado con 4.000 euros, que foi para o traballo titulado “Valorización de residuos e obtención de bioplásticos”, desenvolvido polo grupo de investigación BIOENGIN (Bioingeniería Ambiental y Control de Calidad), do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC. O proxecto, dirixido pola profesora Mª Carmen Veiga, consiste no emprego de bacterias para producir plásticos e outros produtos químicos a partir de diferentes tipos de residuos como o soro de leite, o bagazo de cervexa, os lodos de depuradora ou as algas.

 

Posteriormente, tivo lugar a intervención do conselleiro delegado do Grupo Rodonita, Jacobo Campo, que destacou o labor investigador das persoas e equipos participantes para achegar solucións prácticas relacionadas co sector industrial. Campo subliñou a importancia de que o pasado, o presente e o futuro vaian da man. “A Cátedra Epifanio Campo leva o nome dun pioneiro, o meu pai, que creu na Galicia industrial e esforzouse por facela realidade”, afirmou.

 

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, destacou que a UDC, con grupos como estes premiados e outros moitos demostra que a universidade está aqui para axudar e servir a sociedade e os retos que veñen por diante.

 

Pola súa banda, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana destacou que e importantisimo o que supón este evento, vincular a academia coas institucións e por suposto a empresa, desde a colaboración e o dialogo para que exista unha transferencia de coñecemento e tecnologia á sociedade. Destacou o papel desenvolvido por Epifanio Campo no progreso de Galicia e a  sustentabilidade, testemuña que recolleu o Grupo Rodonita.

 

Pechou o acto o alcalde de Ferrol, destacando que “é un gusto estar todos aquí para recoñecer o traballo, maioritariamente de mulleres”, engadindo que “só a investigacion fai compatible dúas conceptos como o medio ambiente e economía que normalmente pensamos que son conceptos antagónicos”.

 

O tribunal desta segunda edición estivo formado, en representación do grupo Rodonita, promotor da Cátedra Epifanio Campo, polo conselleiro delegado, Jacobo Campo, e polo director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero. Tamén  formaron parte do tribunal a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, e dous expertos do ámbito universitario, Alberto Arce, profesor da UDC e Pastora Bello, profesora da Universidade de Santiago. Todos os membros coincidiron en resaltar a alta calidade de todos os proxectos presentados a esta convocatoria.

 

A segunda edición deste premio, co que se lle rende homenaxe a Epifanio Campo, pioneiro no ámbito da economía circular e a xestión ambiental e fundador do Grupo Rodonita, contou coa participación de preto de 40 investigadores pertencentes a dez grupos de investigación dos Campus da Coruña e Ferrol. Os proxectos presentados pertencen a ámbitos moi diversos, desde intelixencia artificial ata enxeñería química, física aplicada ou bioloxía costeira. Tras o éxito da primeira edición, cumpríronse as expectativas desta nova convocatoria, convocada co obxectivo de seguir avanzando no impulso da investigación relacionada coa xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial, como parte dunha economía circular que apoie a protección do medio ambiente.

 

Cátedra EPIFANIO CAMPO

O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sostenibilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.