Actualidade

A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética aborda os retos e oportunidades do hidróxeno verde desde unha perspectiva galega

28/11/2023

 

A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética organizou o foro O futuro do hidróxeno verde desde a perspectiva galega: Retos e oportunidades, na que se abordaron os retos da transición enerxética cara enerxías limpas para facer fronte aos retos actuais en Galicia, con atención ao hidróxeno verde e o seu futuro. 


A benvida da xornada foi a cargo de Beatriz Mato, directora de Desenvolvemento Corporativo e Sostibilidade e conselleira executiva de Greenalia; e Ana Isabel Ares, directora do Campus Industrial de Ferrol da UDC. Mato destacou que “Galicia pode xogar un papel protagonista no desenvolvemento e implantación de enerxías renovables, que están chamadas a ser parte da solución neste momento de emerxencia climática”. Pola súa banda, Ares recalcou a importancia da Cátedra Greenalia-UDC como “modelo de colaboración que permite poñer en marcha accións e proxectos de formación e de investigación”. Tamén indicou que a “Universidade ten que estar preto dos retos a nivel social e industrial, polo que a investigación que se realiza na UDC está dirixida a afrontar estes retos”. 


A conferencia inaugural foi impartida por Carlos Bravo, experto en clima e enerxía, excoordinador desta área en Greenpeace España durante máis de 20 anos e actualmente consultor ambiental e representante de Transport & Environment, unha federación a nivel europeo de organizacións non gobernamentais dedicadas ao transporte. Ofreceu a charla A descarbonización debe ser enerxeticamente eficiente, na que sinalou a “alta contribución do transporte, e especialmente o transporte por estrada, nas emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial”. Bravo afirmou que “a utilización de electrocombustibles no transporte por estrada é ineficiente, xa que necesita moita máis electricidade que no caso dos vehículos de batería; os electrocombustibles deben utilizarse en sectores que son difíciles de descarbonizar, como o transporte aéreo e o marítimo”. 


A xornada proseguiu cunha mesa redonda sobre tendencias en investigación en hidróxeno verde, moderada por Fernando de Llano, director da Cátedra Greenalia-UDC, coa participación de Fernando Val, director xeral de EnergyLab; Roberto Campana, director científico da Unidade de Investigación do Centro Nacional del Hidrógeno; Juan Manuel Bermúdez, investigador do CICA da UDC; Adrián Rodríguez, responsable de Desenvolvemento de Negocio do CETIM; e Pablo Carrasco, xestor de proxectos e especialista en enerxía do ITG. 


Nesta mesa púxose o acento no hidróxeno como peza clave para alcanzar obxectivos climáticos e de transición nos sectores industriais e de transporte, especialmente no marítimo e aéreo. Nese sentido, os participantes destacaron a posición estratéxica de Galicia, dado que conta con todos os factores para ser potencia en hidróxeno verde: auga, enerxías renovables e un importante sector agroalimentario. Como retos no eido da I+D+i, “os esforzos deberán ir dirixidos a mellorar a eficiencia en tecnoloxías de electrolizadores, a diminución de costes, o aproveitamento das redes de gas para o transporte de hidróxeno e a escalabilidade, entre outros”. 

 


A continuación, tivo lugar unha mesa sobre o papel das administracións e institucións no desenvolvemento do hidróxeno verde, moderada por Juan Ignacio Rodríguez, director de Enerxía do INEGA. Contou coa presenza Nicolás Vázquez, secretario xeral de Industria da Xunta de Galicia; Juan Diego Pérez, director da Autoridade Portuaria da Coruña; Javier Calviño Gómez, xefe do departamento de Servizos Técnicos e Planificación na Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao; e Javier Díaz, tenente alcalde e concelleiro de Promoción Económica do Concello de Ferrol. 


Nesta quenda de debate, unha das principais conclusións foi que a descarbonización non é unha opción senón unha obriga para a conservación do planeta. Neste reto, hai unha oportunidade histórica para o desenvolvemento industrial de Galicia. Actualmente, está sendo un lugar atractivo para os proxectos relacionados co hidróxeno verde, dado o seu potencial en enerxías renovables, as súas infraestruturas, con especial atención ás portuarias, e a existencia dun potente ecosistema de innovación.

 

 

Finalmente, celebrouse a terceira mesa sobre a cadea de valor empresarial do hidróxeno verde en Galicia, moderada por Marcos Martínez, secretario da Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2), e coa participación de Raúl Martín, responsable de proxectos de hidróxeno de Greenalia; Julio Hidalgo, director da división de hidróxeno de Univergy Solar; Brais Armiño, socio consultor en AtlantHy; Alberto López, director financeiro de Forestal del Atlántico; e Francisco Méndez, responsable de estratexias industriais de CCOO de Industria de Galicia. 


Esta derradeira mesa caracterizouse por varias conclusións, entre as que destacan que,  para materializar esta oportunidade e converter Galicia nunha potencia en hidróxeno verde, precísase avanzar nas seguintes cuestións: impulsar a enerxía limpa que abasteza os electrolizadores, un amplo recurso hídrico, unha tecnoloxía en tamaños comerciais, e unha lexislación que incentive e permita a produción á vez que se fomente a demanda. É, por tanto, necesario dar un último empurrón, de xeito conxunto para que esta oportunidade sexa unha realidade, que terá tamén o seu impacto no emprego, para o que se precisan novos talentos que cubran esa futura demanda. 

 


 

Sobre a Cátedra
A compañía Greenalia e a UDC (Universidade de Coruña) impulsan a Cátedra de Transición Enerxética, unha iniciativa coa que se prevé a transferencia de coñecementos sobre o impacto do cambio climático, o proceso de descarbonización e a transición enerxética, con especial atención aos seus efectos en Galicia.