Actualidade

A Cátedra Epifanio Campo premia a valorización de residuos industriais para obter materiais para pavimentar estradas e bioplásticos na segunda edición do seu certame de investigación

29/10/2023

 

O tribunal destaca a calidade dos traballos presentados, nos que participaron preto de 40 investigadores da Universidade da Coruña con interesantes propostas sobre intelixencia artificial, enxeñaría química, física ou bioloxía costeira. O primeiro premio foi para o traballo desenvolvido polo equipo de investigación CGM e liderado polo doutor Ignacio Pérez, que plantexa a obtención de materias primas para a pavimentación de estradas e outras infraestruturas a partir de diversos residuos industriais e o segundo premio foi para o equipo BIOENGIN, co proxecto dirixido pola profesora Mª Carmen Veiga, consistente no emprego de bacterias para producir plásticos biodegradables a partir de diferentes tipos de residuos como o soro de leite, o bagazo de cervexa, lodos de depuradora ou algas, dotado dun total de 10.000 euros. 

 

O tribunal do Segundo Premio de Investigación Epifanio Campo vén de emitir o fallo deste galardón, promovido pola Cátedra Epifanio Campo da Universidade da Coruña, co obxectivo de promover a investigación no ámbito da economía circular. O primeiro premio, dotado con 6.000 euros, foi concedido ao traballo titulado “IWABIMIX” (Industrial Wastes in Bituminous Mixes). Foi desenvolvido nos laboratorios de Camiños e o CITEEC, ambos no campus da Universidade da Coruña, polo Grupo CGM (Carreteras, Geotecnia y Materiales), liderado polo doutor Ignacio Pérez. O traballo plantexa unha investigación sobre a posibilidade de utilizar diversos tipos de residuos industriais como materia prima alternativa na fabricación de materiais para a pavimentación de estradas e outras infraestruturas. O obxectivo desde traballo, que contempla desde a utilización de escorias procedentes do aceiro ata cinzas de biomasa da industria papeleira ou da madeira, é a valorización de residuos industriais como medio cara a unha economía circular e loita contra o cambio climático. 

 

Na mesma liña sitúase o segundo premio, dotado con 4.000 euros, que foi para o traballo titulado “Valorización de residuos e obtención de bioplásticos”, desenvolvido polo grupo de investigación BIOENGIN (Bioingeniería Ambiental y Control de Calidad). O proxecto, dirixido pola profesora Mª Carmen Veiga, consiste no emprego de bacterias para producir plásticos e outros produtos químicos a partir de diferentes tipos de residuos como o soro de leite, o bagazo de cervexa, os lodos de depuradora ou as algas. Unha das grandes vantaxes é que estes plásticos son biodegradables e se descompoñen en varias semanas, a diferenza do plástico obtido a partir do petróleo, que tarda centos de anos en descomporse.

 

O tribunal estivo formado, en representación do grupo Rodonita, promotor da Cátedra Epifanio Campo, polo conselleiro delegado, Jacobo Campo, e polo director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero. Representando á Universidade da Coruña participaron a directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo; o profesor da UDC Alberto Arce e a profesora da Universidade de Santiago Pastora Bello. Todos os membros coincidiron en resaltar a alta calidade de todos os proxectos presentados a esta convocatoria.

 

A segunda edición deste premio, co que se lle rende homenaxe a Epifanio Campo, pioneiro no ámbito da economía circular e a xestión ambiental e fundador do Grupo Rodonita, contou coa participación de preto de 40 investigadores pertencentes a dez grupos de investigación dos Campus da Coruña e Ferrol. Os proxectos presentados pertencen a ámbitos moi diversos, desde intelixencia artificial ata enxeñería química, física aplicada ou bioloxía costeira. Tras o éxito da primeira edición, cumpríronse as expectativas desta nova convocatoria, convocada co obxectivo de seguir avanzando no impulso da investigación relacionada coa xestión e valorización dos residuos xerados pola actividade industrial, como parte dunha economía circular que apoie a protección do medio ambiente.

 

Cátedra EPIFANIO CAMPO

O 14 de novembro de 2019, a Universidade da Coruña e o Grupo Rodonita subscribiron un Convenio de colaboración para o desenvolvemento da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sostenibilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental. 

 

RODONITA Medio Ambiente

RODONITA é a sociedade cabeceira dun holding empresarial formado por múltiples empresas e con ampla presenza e implantación en diversos sectores como a enerxía, o medio ambiente e residuos así como materiais de construción, hostaleiro, vitivinicultura, acuicultura ou sector servizos. A división ambiental do Grupo está liderada polas sociedades PMA, SOGARISA e CONTECO, especializadas na xestión integral de residuos e servizos ambientais. Conforman un grupo empresarial competitivo, dinámico e socialmente responsable, capaz de gañar tamaño e implantación e reforzar a súa posición no mercado nacional.

 

PMA (Protección Medio Ambiental, SL), que inicia a súa actividade en 1991, está especializada na recollida itinerante e capilar de residuos procedentes do sector industrial e talleres de automoción. Pola súa banda, SOGARISA (UTE PMA- CONTECO), é a entidade concesionaria da explotación do CTRIG (Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia), infraestrutura pública titularidade da Xunta de Galicia, situada no Polígono das Somozas e referente a nivel nacional no tratamento e eliminación de residuos industriais perigosos. Por último, CONTECO (Contenedores da Coruña), empresa coruñesa fundada en 1985, está especializada na recollida, transporte e xestión integral de residuos de construción e demolición e residuos industriais non-perigosos.

 

Reseñas dos traballos presentados

Primeiro premio

"Industrial WAstes in Bltuminous MIXes (IWABIMIX)".
Ana María Rodríguez Pasandín
Ignacio Pérez Pérez
Pablo Orosa Iglesias
Jorge Del Valle Corte
Santiago Ferro Lojo

 

Descrición do traballo:

Neste proxecto financiado pola Fundación Alcoa, investígase a posibilidade de utilizar diversos tipos de residuos industriais como materia prima alternativa na fabricación de mesturas bituminosas para o seu uso en pavimentación de estradas e outras infraestruturas. Particularmente, durante o proxecto IWABIMIX considéranse un total de catro residuos industriais. En primeiro lugar, analízase a posibilidade de empregar escorias procedentes da industria do aceiro, así como cinzas de biomasa procedentes da industria papeleira, como substitutos do po mineral das mesturas bituminosas semiquentes. Ademais, estúdase a posibilidade de utilizar un residuo industrial rico en biopolímero lignina, procedente da fabricación de taboleiros de fibras de madeira, como substituto parcial do betún. Finalmente, no proxecto IWABIMIX tamén se analiza a posibilidade de utilizar residuos plásticos de diversas orixes como substitutos parciais do árido. O obxectivo final destes estudos é producir mesturas bituminosas que non só non vexan mermadas as súas prestacións, senón que vexan mellorado a súa desempeño. 

 

Equipo:

O equipo de investigación que intervén no proxecto IWABIMIX está formado por membros do grupo de investigación CGM e dous colaboradores de leste. O CGM está liderado polo Dr. Ignacio Pérez Pérez. Unha das principais liñas de investigación do grupo, na que o CGM posúe unha ampla experiencia, cunha traxectoria de máis de 15 anos, é a investigación en mesturas bituminosas sustentables que colaboren coa economía circular e a loita contra o cambio climático. Para levar a cabo as súas investigacións, o grupo conta co Laboratorio de Camiños, situado na ETSI Camiños, Canles e Portos, e co Laboratorio de Estradas e Geotecnia, situado no CITEEC, ambos, na UDC. 

 

Segundo premio

“Valorización de residuos e obtención de bioplásticos”
María del Carmen Veiga Barbazán
Christian Kennes
Nuria Otero Logilde
Loreto Cabarcos Mouzo
Uxía Fouz Penas
Laura Ferreiro Santos
Andrea Rodríguez Montes
Silvia María Díaz Prado
Ana Isabel Rodríguez Cendal

 

Descrición do traballo:

Desenvolvido polo grupo de investigación BIOENGIN, o proxecto emprega bacterias para producir plástico e outros produtos químicos a partir de diferentes tipos de residuos e subproductos industriais, como poden ser o soro de leite, o bagazo de cervexa, os lodos de depuradora, algas, etc. O máis sorprendente é que estas bacterias producen plásticos a partir de residuos que doutro xeito deberían ser tratados cun custo económico elevado. Os plásticos producidos son biodegradables e se descompoñen en varias semanas, a diferenza do plástico obtido a partir do petróleo que contamina a natureza e que tarda centos de anos en descomporse. Os residuos colócanse en biorreactores, tanques pechados, onde as bacterias levan a cabo reacciones químicas e acumulan polímeros nas súas paredes, que son coñecidos como Polihidroxialcanoatos (PHA), e destacan como firmes candidatos a substituír gran parte dos plásticos sintéticos. Son polímeros biodegradables, o que reduce o impacto ambiental, e demostran unha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro durante a súa produción se se comparan co polipropileno (PP) ou o polietileno (PE), dous dos plásticos convencionais máis usados.  Ademais, existe unha gran variedade de PHA que dará lugar a unha ampla gama de polímeros, con distintas aplicacións como as médicas. Incluso existen estudos que plantexan a súa utilización como detectores no cancro de mama. 

 

Equipo: 

O grupo de investigación BIOENGIN pertence ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e foi recoñecido en varias ocasións como Grupo de Referencia Competitiva pola Xunta de Galicia. A investigación do grupo está orientada ao desenvolvemento de bioprocesos en temas de biorrefinería para a obtención de novos produtos a partir de efluentes líquidos, residuos e gases, e en procesos de dixestión anaerobia para a produción de biogás. No proxecto de obtención de bioplásticos, liderado pola profesora do grupo BIOENGIN Mª Carmen Veiga, investigan varios alumnos de doutoramento. O grupo colabora coa profesora Silvia Díaz, do equipo de investigación en Terapia Celular e Medicamento Regenerativa da UDC, quen investiga a aplicación de biopolímeros para o seu uso en biomedicina.