Actualidade

O investigador do Grupo de investigación de Polímeros Jaime Martín Perez recibe dous millóns de euros para un proxecto sobre electrónica orgánica

23/10/2023

 

Por primeira vez na historia da Universidade da Coruña (UDC), o científico do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol Jaime Martín Pérez recibe unha ERC Consolidator Grant, dotada con dous millóns de euros, para financiar a súa investigación sobre polímeros semicondutores e a súa aplicación en electrónica orgánica.

 

O Consello Europeo de Investigación (European Research Council, ERC) é a máis prestixiosa organización financiadora da investigación científica da Comisión Europea. A súa misión é financiar unicamente proxectos dirixidos a avanzar na fronteira do coñecemento. O obxectivo destas axudas é favorecer a consolidación de traxectorias investigadoras que buscan achegar solucións aos retos do futuro. A revolución enerxética é un deles.

 

Neste contexto desenvolve a súa investigación Jaime Martín, cuxo proxecto «The Semi-Paracrystalline Organization in Polymers: Towards Stable Organic Solar Cells» obtivo, por primeira vez na UDC, unha ERC Consolidator Grant (ERC-CoG). Dotada con dous millóns de euros, permitirá desvelar, durante os próximos cinco anos, a estrutura dos polímeros semicondutores. Alcanzar este coñecemento posibilitará grandes avances no campo da electrónica orgánica para desenvolver células solares orgánicas máis estables e eficientes.

 

Un proxecto para a revolución enerxética

O proxecto de investigación financiado ten dous obxectivos principais: descubrir como é a organización molecular dos polímeros semicondutores e empregar ese coñecemento para desenvolver células solares máis eficientes e estables. 

 

O proxecto de Jaime Martín Pérez propón investigar sobre un novo modelo estrutural (o «modelo semiparacristalino», proposto polo seu grupo de investigación en 2022, o grupo de investigación de Polímeros) que podería explicar como é a organización molecular nos polímeros semicondutores que se empregan na fabricación de células solares orgánicas.

 

O establecemento e a confirmación do novo modelo semiparacristalino supoñerían un cambio de paradigma para entender a relación entre a estrutura molecular e as propiedades do funcionamento dos dispositivos electrónicos orgánicos.

 

Alcanzar este coñecemento permitirá fabricar células solares orgánicas máis eficientes, estables e con maior durabilidade. Este feito supoñería todo un fito para determinados sectores industriais, como o da electrónica orgánica ou a enerxía.

 

Jaime Martín Pérez e a súa traxectoria investigadora

Jaime Martín Pérez é investigador e docente na UDC. Lidera un grupo de investigación especializado en polímeros funcionais (https://www.jaimemartinlab.com). As súas principais liñas de investigación perseguen comprender como é a configuración estrutural dos polímeros semicondutores empregados en electrónica orgánica e fotónica, así como establecer correlacións entre a estrutura destes materiais e as súas propiedades optoelectrónicas.

 

Realizou o seu doutoramento en Química no Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros do CSIC, en Madrid. Posteriormente gozou de varios contratos posdoutorais en prestixiosos centros de investigación nacionais e europeos: traballou no Instituto de Micro e Nanotecnoloxía do CSIC (Madrid, 2011-2014); no Imperial College London (Londres, 2014-2017), cun contrato Marie Sklodowska-Curie Independent Fellow, e en POLYMAT (San Sebastián, 2017), grazas ao programa de atracción de talento Fellow Gipiuzkoa. En 2018 conseguiu un contrato Ikerbasque Research Fellow e, máis adiante, un contrato Ramón y Cajal na Universidade do País Vasco (San Sebastián). En 2020, o investigador trasladou o seu contrato Ramón y Cajal á UDC. Actualmente desenvolve a súa actividade investigadora no Laboratorio de Polímeros Funcionais do CITENI do Campus Industrial de Ferrol.