Actualidade

Solucións para unha maior eficiencia enerxética, para a redución de gases de efecto invernadoiro e novos dispositivos para medir a contaminación lumínica, os traballos premiados pola Cátedra Greenalia-UDC

27/09/2023

 

A Cátedra Greenalia-UDC para a Transición Enerxética entregou esta mañá os premios “Galicia Renovable”, que recaeron en tres estudantes da Universidade da Coruña (UDC). Pedro Dafonte Rodríguez, María Gelpi Santos e Daniel Boubeta Portela son os estudantes recoñecidos nesta primeira edición dos premios, que buscan visibilizar proxectos que contribúan ao proceso de descarbonización en Galicia. O xurado destacou a participación, cun total de 24 traballos presentados e a creatividade e innovación tecnolóxica dos mesmos, así como o gran potencial e a aplicabilidade das solucións expostas.


Os galardóns foron entregados nun acto presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde, que contou coa presenza da directora de Sustentabilidade e Desenvolvemento Corporativo de Greenalia, Beatriz Mato, e o director de Enerxía do INEGA, Juan Ignacio Rodríguez.  


Durante o evento, Beatriz Mato, destacou a posición de Galicia que, segundo reflicte o último informe Ardán, atópase nunha posición “envexable” para poder ser unha potencia renovable, especialmente en tecnoloxías como a eólica, o que fai que poida ser líder rexional en Europa. 


Un contexto no que Greenalia entendeu que ademais de seguir avanzando na posta en marcha de renovables, unha das áreas nas que había que profundar e polas que había que apostar tiña que ver “coa investigación de novas solucións ante a emerxencia climática que estamos a vivir e coa preparación e o recoñecemento do talento da nosa comunidade”. Dous dos motivos que levaron á compañía para poñer en marcha a Cátedra de Transición Enerxética, en colaboración coa UDC.  
O reitor da UDC, Julio Abalde, felicitou aos tres premiados polos seus "magníficos traballos nun ámbito tan importante e necesario como a transición enerxética”, á vez que agradeceu a Greenalia a aposta por esta cátedra que facilita a investigación para alcanzar unha transición sostible, un agradecemento que fixo extensivo ao INEGA, non só por esta colaboración puntual, senón tamén por "todo o apoio continuado que desde o INEGA están a darlle á UDC".


Recalcou que a UDC “é un servizo público de formación e coñecemento, e que as tres universidades galegas traballan arduamente para abrir ese coñecemento co fin de que a sociedade avance. 


Por último, lembrou que "a UDC conta desde o ano 2018 cun Campus de Sustentabilidade, onde a innovación e o desenvolvemento sostible conforman dúas liñas estratéxicas de actuación". Tamén anunciou que "proximamente se presentará un novo centro de formación permanente de profesionais onde se formarán en competencias relacionadas coa transición enerxética e a transformación dixital".


Pola súa banda, o director do departamento de Enerxía do INEGA, Juan Ignacio Rodríguez, destacou “o papel de Galicia como referente no uso e aproveitamento de fontes de enerxía renovables” e as oportunidades que se abren neste sector vinculadas ao actual proceso de transición enerxética. Neste sentido, e como membro do xurado destes premios, incidiu na importancia de iniciativas como a convocatoria destes premios, “actuacións que permiten a impulsar novos talentos en Galicia”. 

 


Nesta primeira edición establecéronse dúas categorías: para os traballos TFM, cun galardón de 1.200 euros e para os TFG, con dous premios. O primeiro, dotado de 1.000 euros e o pago da matrícula dun curso académico nun dos Máster que oferte a UDC para o seguinte curso e, o segundo premio, de 750 euros ao que se suma tamén o abono de matrícula.


O premio ao Mellor Traballo de Fin de Máster foi outorgado a Pedro Dafonte Rodríguez, graduado en Química pola UDC e alumno do Máster Interuniversitario en Investigación Química e Química Industrial, impartido polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. O traballo titulado “Novos termomateriales baseados en cristais plásticos para o almacenamento de enerxía e refrixeración”. O traballo explora novos materiais con transicións sólido-sólido, permitindo un maior aproveitamento e eficiencia do uso da enerxía térmica tanto na refrixeración como no almacenamento de enerxía térmica. 


María Gelpi Santos, egresada do Grao en Química pola UDC, recibiu o premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao polo seu traballo “Síntese e caracterización de redes metal-orgánicas con transicións estruturais inducidos por absorción de gases”, que busca reducir o uso de gases refrixerantes dentro da tecnoloxía de refrixeración, que utiliza substancias que conteñen gases de efecto invernadoiro e altamente corrosivos. Pretende minimizar o impacto ambiental e mellorar a eficiencia enerxética nesta industria. 


Finalmente, o segundo premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao foi concedido a Daniel Boubeta Portela. O traballo “FreeDSM: dispositivo portátil para a medición de contaminación lumínica mediante tecnoloxías IoT” propón a fabricación dun fotómetro de baixo custo e accesible para medir o impacto da contaminación lumínica en tempo real. A ferramenta permitirá concienciar sobre a importancia de reducir a contaminación lumínica, grazas á obtención de datos sobre como afecta á saúde das persoas, aos ecosistemas e ao gasto enerxético.

 

 

Podes aquí o vídeo da entrega de premios "Galicia Renovable"